0 Gardados para despois

Causa Galiza convoca un plenario aberto para "renovar a aposta pola soberanía nacional"

Redacción | @prazapublica

"Actualizar a necesidade dun proxecto político soberanista en Galicia"" este será o obxectivo do plenario aberto que a plataforma Causa Galiza celebrará o vindeiro día 25 para "renovar" a súa "aposta pola soberanía nacional". Segundo os seus voceiro, Aurélio Lopes, "todos os colectivos e partidos que queiran" poderán achegarse a un "debate participativo e plural" no que abordarán unha "conxuntura" que, ao seu xuízo, ten como trazos fundamentais o "esgotamento da vía estatutaria" e os intentos de "recentralización e baleirado competencial" da propia autonomía, preceptos, que, di, non só defende o PP, senón tamén outras formacións como "sectores do PSOE" e partidos como UPyD.

O vixente Estatuto, din, tivo "efectos negativos para Galiza", afirmación que, asegura Lopes, se demostra no incremento do desemprego ou nos "mínimos históricos" que experimenta o uso do galego. "Carecemos dun marco que defenda os nosos dereitos como pobo", explica, nun contexto no que non observa "vontade" en ningunha das forzas parlamentarias galegas para asumir as súas teses. "Tampouco no BNG", engade, quen, na sú aopinión, obviou as "teses soberanistas" no debate de política xeral que se vén de celebrar no Parlamento.

Sobre esta base, Causa Galiza fai un "chamamento a soberanistas e independentistas" para sumárense á plataforma e "fortalecer" a súa estrutura organizativa. Trátase, di, de "gañar amplos sectores da sociedade galega" en torno á idea de que "a única opción digna e positiva para os intereses da maioría social galega é conquistar a soberanía". "Estamos nun momento crucial no que se están redefinindo as lindes políticas e ideolóxicas no nacionalismo galego" e por iso, di, apelan a todas as persoas que se sintan identificadas cos principios de Causa G aliza "por riba de filiacións políticas ou de lexítimas estratexias partidarias".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.