Feijóo descarta cobrar máis polos medicamentos pero farao se o Estado o decide

Feijóo, ante a prensa despois do Consello © Xoán Crespo

Repagamento na prestación farmacéutica? Non, ou aínda non. Despois de lograr situarse nos principais titulares informativos do Estado ao considerar apropiado abrir o debate sobre o xeito en que se sufragan os medicamentos na sanidade pública -"probablemente o que se di aquí sexa unha nividade cando se leva a Madrid", di-, o presidente da Xunta realiza un novo equilibrio no referido á posible imposición de novos gravames. "Eu non vou poñer ningunha taxas nas receitas en Galicia", asegurou a preguntas dos xornalistas tras a xuntanza semanal do Consello da Xunta, se ben a continuación lembrou que as decisións sobre "as prestacións farmacéuticas con carácter xeral se teñen que concretar no Consello Interterritorial de Sáude -órgano que xunta ás autonomías co Ministerio de Sanidade-". Así as cousas, se o departamento que dirixe Ana Mato decide impor novas taxas, en Galicia tamén as haberá.

Non obstante, Feijóo esforzouse en matizar as palabras que vinte e catro horas deixara nunha entrevista na Cadena SER, na que abertamente apostou por un novo sistema de pagamento dos medicamentos no que "teña moito que ver a renda dos cidadáns". Sería o camiño, explicaba, para non ter que "cobrar" pola asistencia médica. Neste contexto, este xoves o presidente volveuse erixir en "firme defensor da equidade na prestación farmáceutica" e, en xeral, da sanidade pública. "Temos que preservar o Servizo Galego de Saúde e o Sistema Nacional de Saúde da crise económica, non me gustaría ter que chegar, como chegou Portugal, a cobrar vinte euros por unha urxencia". Por iso, di, considera "sorprendente" que dende as filas do PSOE e do PSdeG se critiquen medidas como a adoptada polo presidente da Generalitat de Catalunya, Artur Mas, que vén de impor o pagamento adicional de un euro por cada receita.

Nesta liña, Feijóo lembra que o ex conseller catalán de Economía, o socialista Antoni Castells, "bastante sensato", propuxo "o copagamento" en diversas ocasións no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira. Non obstante, sinalou Feijóo mudando de idioma ao castelán ante a presenza de televisións de ámbito estatal, "se queren vostedes ter o maior copagamento que se fixo en España" cómpre lembrar que se lles "dixo aos españois que temos que traballar dous anos máis para xubilarnos aos 67 anos". "Iso si que son copagamentos", subliña, en referencia ás decisións adoptadas polo gabinete de José Luis Rodríguez Zapatero.

Plataforma loxística do Sergas

A nova plataforma loxística do Sergas, con xestión privada, foi adxudicada en outubro pero introduciuse cun informe no Consello deste xoves

Situado xa como un dos protagonistas do debate sanitario no conxunto do Estado o presidente da Xunta detívose na súa comparecencia semanal a explicar as características da nova plataforma loxística do Sergas, unha nave de 11.000 metros cadrados que se comezará a construír neste mes no Concello de Negreira e dende a que se distribuirá o material que empregan todos os centros sanitarios de Galicia. Se ben o Consello da Xunta non tomou este xoves ningunha decisión nova ao respecto desta plataforma, o Goberno galego inseriuna na orde do día pola vía do informe, unha figura sen valor legal que lle permite ao presidente abordar os temas que considera oportunos na súa comparecencia ante a prensa.

Deste xeito, Feijóo introduce a explicación deste novo sistema de abastecemento do Sergas sinalando que foi aprobado porque "acreditamos na viabilidade" da sanidade pública, "cremos nisto, xogámonos moito" e "non hai máis fórmulas ca ser eficiente". Nesta liña, Feijóo asegura que os 88 millóns de euros que se invisten na nova plataforma permiten aforrar uns 200, que serán reinvestidos na sanidade mentres os cidadáns seguen "recibindo o mesmo servizo por menos custe". Fronte á detallada explicación do seu funcionamento, ante os xornalistas o presidente obviou o feito de que a plataforma loxística terá xestión privada e que xa foi adxudicada o pasado mes de outubro. Nomeadamente, encargarase dela a empresa Servicio Móvil, con sede nas Pontes, que vén traballando en diversos centros hospitalarios ofrecendo servizos como a xestión de arquivos clínicos.

Feijóo, ante a prensa despois do Consello © Xoán Crespo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.