O PP tenta que o Parlamento se centre en recortarse a si mesmo

Bancadas do PP no Parlamento CC-BY-NC-SA AGE

En pleno verán de 2012, co ruxerruxe do adianto electoral xa instalado na política galega, o presidente da Xunta aproveitaba unha entrevista con La Voz de Galicia para anunciar que recuperaba o seu durminte plan de recortar o número de escanos do Parlamento, dos 75 actuais a 60, o mínimo posible sen reformar o Estatuto de Autonomía. Os argumentos ofrecidos naqueles días nos que o rescate financeiro pairaba sobre o Estado español eran diversos: que os políticos tamén deben facer "esforzos", que as administracións "gasten menos en si mesmas", o "simbolismo" ou mesmo pagar gardarías. Os conservadores mantiveron o seu proxecto no máis alto dos titulares durante boa parte do verán, concretamente ata que Alberto Núñez Feijóo o cambiou por chamar a cidadanía anticipadamente ás urnas. Menos dun ano despois, a operación reiníciase.

O panorama mudou notablemente a respecto daqueles meses estivais. Agora o cerne da polémica política non son os recortes de Rajoy e a súa vaga expansiva en Galicia, senón que afecta directa e, sobre todo, persoalmente ao presidente. Hai un mes que que as fotografías de Feijóo con Marcial Dorado publicadas por El País capitalizan a vida política, partidaria e parlamentaria, un lume que o partido da gaivota procura ir apagando con máis ou menos fortuna. Este é o contexto no que volven sacar a pasear a tesoira polo hemiciclo, coa diferenza fundamental, non obstante, de que agora o recorte parlamentario si estaba incluído no seu programa electoral.

Os conservadores recuperan o seu plan en plena polémica polas fotos de Feijóo con Marcial Dorado

Pero, que é exactamente o que pretende o PP? Segundo o seu programa, "reducir o número de deputados a 61" e, ademais, introducir cambios como "institucionalizar a figura do xefe da oposición", unha decisión especialmente comprometida no actual mapa parlamentario, con tres grupos opositores. Así e todo, o vicepresidente Rueda e o propio Feijóo xa introducen novos elementos nun plan de reforma que ata agora só se sustenta en declaracións e non en documentos. A "modificación que prantexa o PPdeG", explicaba Rueda o pasado sábado, "quedaría recollida na nova Lei Electoral de Galicia", norma que dá por "pactada co conxunto da sociedade galega" en virtude do resultado electoral do 21-O e por iso agarda que teña "o respaldo do resto de formacións". Concretamente, fíxase no PSdeG e equipara o Parlamento de Galicia ao Senado para considerar que é "moi difícil" que os socialistas se opoñan ao recorte en Galicia, dado que o PSOE "está a pedir a redución do Senado".

A reforma, segundo Rueda, traerá consigo tamén a regulación por lei dos debates electorais. Pola súa banda, Feijóo considera que nesa nova norma "débense elevar os requisitos éticos para ser deputado" e estipular as "condicións" nas que unha persoa pode perder tal condición. Do mesmo xeito, sinalaba o pasado xoves ao remate do Consello da Xunta, apostará pola "redución" do tempo das campañas electorais, o que podería levar a que unha campaña estatal dure máis ca unha galega.

Canto e cando se aforraría? E a proporcionalidade?

O aforro sería o mesmo reducindo o salario de deputados e deputadas no entorno do 20%

Como no pasado verán o PP volve centrar agora o seu argumentario na cuestión económica. Como detallou Praza Pública, con 14 escanos menos o lexislativo deixaría de gastar algo máis dun millón de euros ao ano, aforro que se podería lograr, por exemplo, recortando o salario dos deputados e deputadas no entorno do 20%. "Os cidadáns queren que as Administracións públicas e o Parlamento tamén, que se nutre de fondos públicos, lles custen menos cartos", di Rueda, que leva o eventual aforro a cinco millóns de euros por lexislatura. Así e todo, o número dous dos conservadores obvia que ese aforro non se produciría ata a vindeira lexislatura, isto é, ata o ano 2016, cando se elixise o novo Parlamento recortado nunhas novas eleccións.

Neste contexto, e cos populares aparentemente decididos a lanzar a reforma de inmediato, resta saber se abren ou non a man para que a redución dos escanos non implique tamén unha maior desproporción electoral entre as circunscricións do interior (Lugo e Ourense) e as do litoral (A Coruña e Pontevedra). Na actualidade, cada provincia ten asignados 10 deputados e os restantes 35 repártense en función da poboación, sobrerrepresentando así a lucenses e ourensáns. Unha redución da Cámara sen tocar ese mínimo de dez escanos distorsionaría aínda máis o voto da cidadanía.

Feijóo e Rueda, no Parlamento © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.