0 Gardados para despois

A TVG admite un gasto de 375.000 euros anuais en programación relixiosa

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Unha resposta concreta a unha pregunta non menos concreta. O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, protagonizou este martes no Parlamento un episodio que se converteu en salientable por ser pouco habitual nos últimos tempos no lexislativo galego. O voceiro de Alternativa Galega de Esquerda na comisión de control do ente público, Juan Fajardo, cuestionou o máximo responsable da compañía polo impacto económico que ten a programación relixiosa nos seus orzamentos. E Sánchez Izquierdo ofreceu as súas valoracións ao respecto, pero tamén respondeu: "A programación relixiosa no seu conxunto" ten un custo anual de 375.000 euros, arredor do "0,3% do noso orzamento".

Segundo o director xeral esas cantidades non están "moi afastadas do que fan" as diversas televisións públicas europeas, tampouco, considera, no que respecta a outra das preguntas lanzadas por Fajardo, o tempo que ocupan os temas relixiosos na grella da TVG. Durante o ano 2012 estes programas sumaron case 72 horas de programación televisiva, practicamente tres días enteiros dos que 28 horas se corresponden co programa A sentinela -dedicado á relixión católica-, 24 coa retransmisión da misa dominical, 14 co programa Nacer de novo -sobre a Igrexa evanxélica- e arredor de cinco horas e media coa emisión en directo de actos na Catedral de Santiago.

A elección do novo Papa ocupou máis de sete horas nos informativos da Galega

Xa en 2013 a esa programación haberá que sumar unha das decisións editoriais cuestionadas polo deputado de AGE, o traslado dun equipo da TVG ao Vaticano para seguir a elección do novo papa, o pasado marzo. Nese mes, admite Sánchez Izquierdo, os informativos da Galega dedicáronlle 7 horas e 23 minutos á designación de Francisco. "Queremos saber en base a que decisión se dedicou esa información ao novo Papa", cuestiona Fajardo, quen tamén cuestiona a necesidade e o custo de "trasladar un equipo ao Vaticano" e non, por exemplo, "a Monforte", onde se celebrou unha manifestación contra a nova área sanitaria e na defensa da sanidade pública que non foi cuberta pola TVG.

"A Constitución di que somos un estado aconfesional e resulta que os medios públicos dedican un enorme tempo a unha confesión en concreto", censura Fajardo, que salienta ademais a ausencia de "espazos de debate" onde, por exemplo, se dea cabida ás posicións laicistas ou, directamente, ás persoas "ateas". "Non existe ningunha intención de silenciar" pero "o dereito de acceso non é ilimitado", retruca Sánchez Izquierdo, quen asegura que as organizacións "que inclúen o laicismo no seu ideario" teñen "espazo cando se producen accións alternativas aos actos relixiosos, sempre que teñan unha resposta social mínima para ser noticia". A TVG, censura Fajardo, tenta "reforzar a idea de que hai que ser bos samaritanos" e de que, por exemplo, "iso de saír á rúa é pecado". Quizais por iso, ironiza, "pareceulles estraño que Venezuela escollese un presidente co 51% dos votos pero non que ao Papa o escollese o espírito santo".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

A canle pública informa do Parlamento en función dos votos de cada partido

O director xeral da CRTVG tivo que responder tamén, na mesma sesión parlamentaria, ás preguntas do BNG referidas á "manipulación" que, a xuízo dos nacionalistas, estiveron sometidas as novas ofrecidas na Televisión de Galicia en torno á comparecencia de Alberto Núñez Feijóo sobre as súas fotos co narcotraficante Marcial Dorado. Para a voceira do Bloque, Montse Prado, a TVG elaborou "a información que lle interseaba ao PP", con "tempos abusivos" para as intervencións de Feijóo e do voceiro conservador mentres que "todas as opinións da oposición", con moito menos tempo, "estiveron matizadas polas resposta de Feijóo e polas entradas dos xornalistas".

O BNG censura a "manipulación" na información sobre as fotos de Feijóo e Marcial Dorado

Ademais de rexeitar as críticas por non retransmitir o debate en directo -foi ofrecido en streaming pola web da CRTVG, xustifica-, Sánchez Izquierdo defende a "ampla cobertura" que os Telexornais lle outorgaron ao debate e defende que o presidente e o PP aparecesen notablemente máis que o resto de grupos. "Aplicouse a proporcionalidade na representación parlamentaria" pero "non estritamente" porque senón a presenza da oposición sería "aínda menos". Segundo Sánchez Izquierdo esta é a norma que a TVG adoita aplicar para informar do Parlamento, estendendo así á práctica ordinaria o que a lei lle obriga a facer só en épocas electorais, isto é, dar cobertura aos diversos partidos en función dos seus votos, un xeito de informar "antixornalístico" para o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e outros colectivos profesionais.

En calquera caso, para Sánchez Izquierdo as críticas do BNG obedecen a unha "visión política da comunicación". "O que di" Montse Prado é que a TVG "tería qeu polemizar frontalmente co presidente do Goberno de Galicia", lamenta. Para Prado a actitude da TVG neste caso foi "un auténtico escándalo" que "nin unha televisión ao serivzo dun xefiño de república bananeira se atrevería a facer".