O PP lanza as súas Novas Xeracións contra Beiras: "sobra na universidade e no Parlamento"

Dorado, en rolda de prensa © PPdeG

Case unha semana despois de que o voceiro parlamentario da AGE, Xosé Manuel Beiras, batese no taboleiro situado ante o escano do presidente da Xunta no Parlamento o PPdeG tenta manter o foco nesa increpación mentres, paralelamente, dá por "pechado" o affaire das fotografías de Alberto Núñez Feijóo co narcotraficante Marcial Dorado. Primeiro foi a voceira do partido, Paula Prado, e este mércores os conservadores sacaron á palestra ao presidente das súas Novas Xeracións, o deputado Javier Dorado, quen se amosou convencido de que Beiras "sobra no Parlamento" e tamén "na universidade".

Despois de que o pasado luns, no marco dunhas xornadas organizadas pola Asemblea de Estudantes de Ciencias Políticas da USC, o líder da AGE explicase o acontecido na Cámara como "un xesto de transgresión", para dar a entender que o presidente "non merece respeto porque é un narcopresidente", Dorado converte esa charla nun intento de "adoutrinar" o estudantado e de convidalo ademais, censura, a "protagonizar un rebentón social". Pero o partido que sustenta o Goberno "non permite leccións de ningún tipo" de Beiras, porque o PP tivo o 45% dos votos nas eleccións autonómicas e Alternativa, o 13%.

Dorado, como Paula Prado, sentenza que Beiras "pasará á historia só por un zapatazo e un 'puñetazo' na mesa"

Para Dorado a "pésima actitutude" da oposición en xeral, "empeñada en xerar crispación", é o "contrapunto" ás "políticas do Goberno galego a favor do emprego e das persoas" e por iso Beiras "debería plantexarse o seu futuro na política e desculparse ante os galegos", tamén por "volver á universidade para dar un pésimo exemplo entre os máis novos". Como Prado, Dorado sentenza que Xosé Manuel Beiras "pasará á historia tan só por un zapatazo ou un puñetazo na mesa".

Pero a comparecencia do líder xuvenil do PP non tivo só andanadas dialécticas para Beiras. Tamén para a outra forza de AGE presente no Parlamento, Esquerda Unida, organización á que acusa de estar "maís centrada na política de Venezuela que na galega". Dorado sustenta este argumento en que, no último pleno da Cámara, a deputada Eva Solla vestía unha camisola de apoio a Nicolás Maduro, "deixando calro quen é o seu referente político, Hugo Chávez". Ao tempo, Javier Dorado "aproveita" tamén para "felicitar o novo secretario xeral" de Xuventudes Socialistas, Aitor Bouza, aínda que incluíndo nos parabéns unha "crítica" por que "un 45% dos compromisarios impugnaron o resultado" por un "tongo que contou co visto e prace de Pachi Vázquez, que foi alí a aplaudilo", razoa.

Dorado, en rolda de prensa © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.