A Xunta recorta un 14% as axudas aos concellos para reducir o abandono escolar

O conselleiro de Educación, nun acto recente © Xunta

No inicio das vagas de recortes aplicadas ao abeiro da crise económica un dos lugares comúns nos discursos dos diferentes gobernos tiña que ver con que sanidade e educación ían ser unha caste de illas no océano das restricións económicas. Pero os diferentes orzamentos foron sendo aprobados e o ámbito social en xeral, e o sanitario e o educativo en particular, tamén sufriron o paso da tesoira. Así, por exemplo, só nos vixentes Orzamentos Xerais da Xunta para 2013 as consellerías sociais asumiron máis do 70% do recorte global e o departamento de Cultura e Educación foi o segundo que máis sufriu a retallada, só superado pola Consellería de Infraestruturas. Con este pano de fondo, os recortes nas grandes cifras percíbense xa no ámbito máis concreto, desta volta nas axudas que reciben os concellos para paliar o abandono escolar.

O departamento que dirixe Jesús Vázquez vén de convocar as subvencións para "o desenvolvemento de programas dirixidos á redución do abandono escolar nos concellos de Galicia", unha orde de subsidios que trae consigo un recorte de máis do 14% a respecto do ano 2012. En marzo do ano pasado educación convocou estas axudas por un importe total de 2,09 millóns de euros que, como adoita acontecer, poderían ser ampliados se existía "crédito" para facelo. Desta volta convocatoria chegou máis tarde -está datada no 26 de abril e publicouse este mércores no DOG- e fíxoo minguada. Concretamente, queda en 1,79 millóns de euros.

A dotación orzamentaria das axudas queda por baixo dos 2 millóns de euros

Con este recorte os concellos terán que organizarse para levar adiante obxectivos tan ambiciosos como "propiciar que o alumnado que abandonou o sistema educativo poida continuar estudos de bacharelato ou de formación profesional de grao medio", "atender o alumnado con menor motivación e capacidade para aprender", preparar o alumnado para "diminuír o risco de abandono ou desinterese" ante as probas de graduado en ESO ou "mellorar as competencias básicas no alumnado en risco de abandono escolar". "Favorecer a atención educativa dos colectivos máis vulnerables", como nenos e nenas inmigrantes ou "impulsar a coordinación entre organizacións e institucións da contorna para diminuír o abandono escolar" son outros dos fins financiados.

As subvencións financian programas como a atención educativa a colectivos vulnerables ou a asistencia a alumnado en risco de exclusión

Malia á tesoirada, Educación mantén o amplo abano de programas subvencionables, tales como "creación de puntos de información e asesoramento educativo", "talleres de recuperación" para o alumnado de secundaria con "malos resultados académicos ou desmotivación para o estudo" e "aulas de preparación de probas" para ESO e FP. Tamén se prevé que se poida financiar a creación de escolas de familias con alumnado en risco de abandono ou exclusión social e o desenvolvemento de "actividades de formación non regrada que favorezan a reincorporación de mozos e mozas ao sistema educativo". Todas estas actividades terán que ter ser desenvolvidas dende o pasado 1 de xaneiro e ata o 30 de setembro.

O conselleiro de Educación, nun acto recente © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.