Feijóo desempoa en Asturias o 'traxe' de campaña electoral

Feijóo, coa candidata asturiana e o presidente cántabro © TVE

O escenario é unha feira gandeira. O presidente da Xunta, vestido de maneira deportiva, degusta un anaco de polbo á feira nunha mañá fría e anubrada rodeado de cargos e simpatizantes do PP. Esta imaxe, repetida en múltiples ocasións en diversos puntos da xeografía galega é a que atoparon este martes moitos asturianos na prensa publicada no Principado. Pero a información non é referida a ningún acto celebrado en Galicia, senón á campaña das eleccións anticipadas que renovarán o Goberno de Asturias o vindeiro día 25. Aproveitando a fin de semana e a circunstancia de que a xornada do luns foi festiva en Compostela e mentres na opinión pública galega seguen as quinielas sobre un eventual adianto electoral, Alberto Núñez Feijóo desempoou o traxe de campaña electoral á outra beira do Eo para volcarse no apoio a Mercedes Fernández, Cherines, candidata popular aos comicios.

Feijóo foi un dos máis ferventes defensores de Álvarez-Cascos, "o político que máis fixo por Asturias"

Pouco ten que ver a implicación de Feijóo nesta campaña asturiana coa celebrada nesa comunidade en maio de 2011, cando o PP concorreu ás urnas encabezado por Isabel Pérez-Espinosa. Fronte a ela, ademais do PSOE e Izquierda Unida estaba Francisco Álvarez-Cascos, líder do partido Foro Asturias, acabado de crear. Poucos meses antes o presidente da Xunta fora un dos máis ferventes defensores do "amigo Paco Cascos" como candidato popular por, entre outros motivos, ser "o político que máis fixo por Asturias desde os postos de responsabilidade que tivo".

Pero semella que Feijóo xe lla dá completamente as costas, cando menos publicamente, ao que fora o seu xefe no Ministerio de Fomento, na etapa do titular da Xunta como presidente de Correos. Ao arrecendo do polbo na feira gandeira de Tineo o xefe do Goberno galego propuxo estender a "macrorrexión" que a Xunta tenta fiar dende o comezo da lexislatura con Castilla y León e para iso ve imprescindible unha vitoria do PP. Vinte e catro horas antes, gravata e bandeiras oficiais mediante, Feijóo proclamara en Xixón que Asturias non "merece nin un día máis de prórroga" da actual situación política, isto é, do goberno en minoría do outrora "amigo Paco". España precisa de "todos os seus motores" e o motor asturiano "non está funcionando" porque no Principado non goberna o PP, di. Por iso, explica, dende o día 25 os asturianos precisan un "Goberno previsible", que "non tente illar" a comunidade.

Neste contexto, xunto á candidata do PP e tamén co presidente de Cantabria, Ignacio Diego, Feijóo puña a súa rúbrica ao que podería ser considerado a cara b do "pacto da liberdade" asinado coa líder do PP en Catalunya, Alicia Sánchez-Camacho, e o presidente do PP vasco, Antonio Basagoiti, en vésperas das eleccións á Generalitat. Desta volta, o obxectivo é  "aunar forzas nunha rexión xeográfica con sete millóns de habitantes" para, entre outros aspectos, reclamar apoio europeo á gandería ou garantir o remate da autovía transcantábrica que, asegura, o goberno de Rajoy realizará -o anterior Ministerio de Fomento xa o asegurara-. Para todo isto, di Feijóo, Cherines ten que se converter na primeira presidenta asturiana. "Porque Asturias ten nome de muller", resume o presidente. Mentres, na mesma cidade de Xixón, Álvarez-Cascos desprendíase de antigas amizades e non dubidada en ridiculizar o picazo de Rajoy no seu mitin en Oviedo: "Algún subiu á tribuna pola escaleira de atrás para que o tiro da cámara da tele non recollese os baleiros nos que os espazos berraban fracaso, fracaso, fracaso", ironizou.

Feijóo, coa candidata asturiana e o presidente cántabro © TVE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.