O PSdeG pídelle explicacións á TVG por "partidismo" ao informar do caso 'Campeón'

Imaxe dunha das informacións polas que pregunta o PSdeG © TVG

"Escandalosa, partidista e interesada". Son algúns dos cualificativos que cos que o PSdeG, a través do seu deputado Juan Carlos Francisco Rivera, define a cobertura realizada pola Televisión de Galicia sobre o caso Campeón, a presunta trama de fraude en subvencións, tráfico de influencias e branqueo de capitais en cuxo centro estaría supostamente situado o empresario lugués Jorge Dorribo. Nomeadamente, os socialistas cuestionan o xeito en que a televisión pública dá conta das "hipotéticas" implicacións de políticos no caso. Segundo Rivera, non todos os datos se ofrecen co mesmo grao de detalle.

Nomeadamente, o PSdeG fixouse nun dos informativos do pasado 9 de marzo, poucos días despois de que a xuíza Estela San José levantase parcialmente o segredo do sumario e os datos da investigación comezasen a transcender aos medios de comúnicación. "A teor do publicado", di o parlamentario nunha pregunta xa rexistrada na Cámara, "o principal imputado [Dorribo] facía referencia expresa a distintas conversas habidas co señor presidente da Xunta", "conversas e reunións que evidencian" que Feijóo "a instancias dun deputado do PP, tamén imputado [Pablo Cobián] mantivo xuntanzas co señor Dorribo e se interesou por solucionar expedientes de subvencións que por este se tiñan solicitado", sinala o socialista. Concretamente, Rivera refírese ao feito de que Feijóo, tal e como ten recoñecido publicamente, recibise en San Caetano ao propietario de Laboratorios Nupel e a un dos seu socios o 14 de outubro de 2010.

Rivera reclama que na TVG se informe das "referencias" a Feijóo realizadadas polos presuntos implicados e recollidas no sumario

Neste contexto, o deputado socialista coida que as "gravacións incorporadas ao sumario e publicadas en distintos medios" revelan "cando menos, datos novos e descoñecidos até agora en relación á actitude do señor Feijóo en relación a este caso". Eses datos, na súa opinnión, "revisten carácter informativo e son de interese da cidadanía galega". Así e todo, censura, "os medios públicos de comunicación silenciaron as revelacións do sumario que se centraban nas conversas onde o señor Núñez Feijóo é principal protagonista", mentres que, "o día 9 de marzo", si "fixo referencia expresa a distintas novas relacionadas co caso Campeón", especialmente "ás hipotéticas implicacións de responsables doutras forzas políticas", di.

Dende o punto de vista do deputado, as novas da TVG sobre este caso amosan que na "dirección de informativos do ente público" existe unha "auténtica submisión partidista, carente do máis mínimo rigor e independencia ou de calquera atisbo de pluralidade informativa". Por este motivo, Rivera remítelle á CRTVG unha batería de preguntas nas que insta á súa dirección a detallar as "razóns de tipo xornalístico" que levaron a "non dar conta das referencias cara ao señor Feijóo" no caso pero si a facer o propio coas "novas relacionadas con outros implicados". Ademais, o socialista pregúntalle á CRTVG se "considera que a dirección de informativos obrou conforme aos principios de pluralidade, veracidade e transparencia" ao non ver "relevancia informativa" nos datos "que teñen relación co señor Feijóo".

 

Imaxe dunha das informacións polas que pregunta o PSdeG © TVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.