0 Gardados para despois

CxG insta a dirección do PSdeG-PSOE a reprobar “o atentando á normalización lingüística" que sofre o Concello de Muros

Redacción | @prazapublica

Os concelleiros de Compromiso por Galicia no Concello de Muros, María Xosé Alfonso Torres, José Manuel Quintela Fernández e María Sambade Lloréns veñen de denunciar a situación do galego no concello, que, segundo a tamén secretaria local de CxG, María Sambade, “vive unha brutal involución por consecuencia, entre outras cousas, da actitude do asesor xurídico e da deixadez e do consentimento da alcaldesa”. Neste sentido, o asesor xurídico, non só incumpre de maneira sistemática as normas referidas ao uso do galego, senón que mesmo “chegou ao punto de esixir aos veciños e ás veciñas o uso do castelán”, nunha actitude “autoritaria e que despreza a lingua e as persoas”

A organización galeguista solicítalle á alcaldesa e ao grupo de goberno que rescindan de xeito inmediato a relación contratual e laboral entre o asesor xurídico e o concello de Muros

Nunha moción presentada pola organización galeguista o pasado mes afírmase que dende os inicios da restauración democrática “o Concello de Muros practicou e impulsou a normalización do galego”, e co obxectivo do impulso da lingua propia do País, o Pleno aprobou en 2001, por unanimidade do seus edís, o Regulamento municipal de uso do galego”. O mesmo recolle o dereito da cidadanía a ser atendidos, recibir documentación e notificacións na nosa lingua, ademais de instar ao persoal ao seu servizo “a empregar normalmente o galego tanto nas relacións internas como cos cidadáns e coas entidades públicas e privadas sitas en Galicia”. De igual modo, afirma que as empresas concesionarias e quen preste servizos públicos empregará normalmente o galego cos veciños e residentes. Nesa moción a organización galeguista solicítalle á alcaldesa e ao grupo de goberno que rescindan de xeito inmediato a relación contratual e laboral entre o asesor xurídico e o concello de Muros, ademais de facer cumprir integramente o Regulamento.

Bascuas insta á dirección do PSdeG-PSOE a que se pronuncie publicamente sobre se aproba “este atentando á normalización, en vésperas do Día das Letras Galegas”

Segundo a Portavoz Municipal, Alfonso Torres, o PP e PSOE, “non conformes” co incumprimento reiterado do Regulamento e consentindo a actitude “antigalega” do asesor xurídico, levan e aproban unha proposta, “que vai na dirección contraria da Lei de Normalización Lingüística”, pasando o concello de ser pioneiro na normalización do galego, “a converterse nun obstáculo para sermos un país normal”. O Secretario Xeral, Xoán Bascuas, afirma que “dende Compromiso por Galicia rexeitamos este xeito de proceder do PP e do PSOE en Muros”, á vez que insta á dirección do PSdeG-PSOE a que se pronuncie publicamente sobre se aproba “este atentando á normalización, en vésperas do Día das Letras Galegas”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.