"Autobombo" da Xunta nas pantallas dos centros de saúde

Unha das pantallas, reproducindo actividade da conselleira CC-BY-NC-SA PSdeG

Hai tempo que o Servizo Galego de Saúde está a instalar, nas salas de espera de múltiples centros sanitarios do país, pantallas para informar das quendas nas que os pacientes son atendidos. Non é a primeira vez que dende os grupos da oposición se cuestiona este tipo de investimentos tecnolóxicos en tempos de recortes, toda vez que non son imprescindibles para a atención sanitaria. As críticas veñen de chegar de novo pola banda do PSdeG, aínda que non tanto polas pantallas en si senón polo uso que o Sergas e a Xunta fan delas: "autobombo" do Goberno galego, di a voceira socialista de Sanidade, Carmen Acuña.

"Cuestionamos seriamente a necesidade de continuar implantando as pantallas, especiamente neste momento de recortes" por non ser "imprescindibles para o bo funcionamento das consultas", di Acuña, médica de profesión. Non obstante, "como xa está feito o gasto", a parlamentaria coida que deberan ser empregadas en accións de "educación para a saúde" e non para "actos propagandísticos do Goberno". A Xunta, lamenta, chega "ao paroxismo na súa obsesión pola propaganda" e xa non lles é "suficiente" ter "ao seus servizo os medios de comunicación públicos de Galicia", por iso "agora utilizan os televisores dos centros sanitarios".

Así, o PSdeG amosa exemplos nos que estas pantallas amosan textos idénticos aos de notas de prensa difundidas polo Executivo. "En lugar de utilizar as pantallas como vehículos publicitarios do quefacer diario da conselleira, dos directivos e dos proxectos presentes e futuros", o Sergas "podería" empregalas para que os doentes "recibisen información específica das patoloxías que se corresponden coas especialidades nas que se espera". Así, por exemplo, en pneumoloxía poderían informar "sobre como usar correctamente os inhaladores", "na sala de uroloxía, como manexar unha sonda" e, ademais, engadir "información xenérica, fomentando hábitos saudables" ou animando "a doazón de sangue e órganos".

Os socialistas instan a Xunta a "renunciar a un espazo de publicidade tan tentador" e utilizar as pantallas para ofrecer información sobre a saúde

Neste contexto, Acuña vén de formular unha proposición non de lei ante o Parlamento para que Sanidade e o propio presidente da Xunta "renuncien a un espazo de publicidade tan tentador". De ser aprobada, a Cámara instaría o Goberno a que "de forma inmediata, se utilicen as pantallas das salas de espera dos centros sanitarios públicos para difundir información, consellos e recomendacións en beneficio da saúde da nosa poboación".

Unha das pantallas, reproducindo actividade da conselleira CC-BY-NC-SA PSdeG
Unha das pantallas, nun centro sanitario CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.