Os deputados do BNG irán á folga xeral e os do PSdeG terán "liberdade" para facelo

Ana Pontón, voceira parlamentaria do BNG © Parlamento de Galicia

Son os deputados "traballadores normais"? É a cuestión que este mércores estivo sobre a mesa no Parlamento a raíz das diferentes posturas dos grupos da Cámara sobre a folga xeral do vindeiro día 29. Onde non cren que deba haber diferenzas entre as persoas que desenvolven unha actividade laboral ordinaria e quen representa á cidadanía no lexislativo é no grupo do BNG. Así, como xa acontecer en anteriores convocatorias, os parlamentarios nacionalistas participarán activamente nas mobilizacións e, ademais, solicitarán que ese apoio teña unha repercusión na súa nómina. "Se se convoca unha folga todos os que somos traballadores, aínda que esteamos nunha institución exercendo como representantes dos cidadáns temos que estar dando exemplo na rúa, cos cidadáns", resume a voceira nacionalista, Ana Pontón.

Sobre esta premisa Pontón anuncia que o Bloque remitirá "un escrito" á presidenta da Cámara, Pilar Rojo, para que "teña constancia" de que non participarán na actividade parlamentaria do día do paro xeral -nesa xornada reúnense as comisións de Industria e de Control da CRTVG- e "iso teña un impacto na nómina". "Estamos diante dunha das principais agresións aos dereitos dos traballadores, que vulnera dereitos fundamentais e o BNG non só se suma solidarizándose, senón que o fai activamente", explica a voceira nacionalista. Do mesmo xeito, detalla, no pleno que comezará dous días antes da folga o Bloque introducirá unha proposición non de lei instando á retirada da reforma laboral.

Nalgunha das sesións previstas para o día 29 podería haber só parlamentarios do PP

Mentres isto acontece no BNG, a principal novidade situarase no PSdeG, que nas anteriores folgas -convocadas con Zapatero aínda na Moncloa- acudiu ao Parlamento con normalidade. Aínda que os socialistas tomarán unha decisión definitiva o vindeiro luns, na reunión semanal de grupo, o seu voceiro, Abel Losada, avanza que en todo caso existirá "liberdade de acción" para os deputados "en canto á reacción ante esta folga", isto é, poderán elixir secundar ou non a protesta. "Neste momento non está tomada ningunha decisión, máis alá do apoio persoal que cada un dos deputados teña ás manifestacións" do día 29, se ben, subliña, "o que está claro é que o PSdeG vai estar enfronte dunha reforma laboral inxusta para os traballadores".

Neste escenario, podería darse o caso de que nalgunha das sesións previstas para o día 29 so haxa deputados do PP, cuxo voceiro, Pedro Puy, ademais amosarse remiso ante unha folga que non "axuda a resolver os problemas do país", advirte de que os deputados non están chamados á mesma. "Isto xa se formulou en 2010" e daquela, di, un informe xurídico da Cámara concluíu que "un deputado non é un traballador", senón "un representante da cidadanía". "Eu respecto as opcións que poidan adoptar o BNG ou, a título individual, os deputados do PSdeG" pero, de calquera xeito, afirma, o seu xeito de proceder quedará nunha "manifestación política de apoio, pero en absoluto do exercicio dun dereito á folga". "Os deputados non temos relación de traballo co Parlamento" e, polo tanto, "non somos traballadores normais", conclúe Puy.

Deputados do BNG conversan coa conselleira de Traballo © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.