Irmandiños, Máis Galiza e Ecogaleguistas téndense as mans para "construír algo novo"

Coloquio entre Encontro Irmandiño, Máis Galiza e Espazo Ecogaleguista CC-BY-SA Merixo

O 'que' comeza a clarexarse, agora resta saber o 'como'. O Encontro Irmandiño, Máis Galiza e o Espazo Ecogaleguista foron convocados este mércores en Compostela para, ante un auditorio formado esencialmente por estudantes, responder a unha densa pregunta de partida: "cal é o futuro do nacionalismo?". En plena resaca da treboada posterior á Asemblea Nacional do BNG, que mesmo sacudiu a propia organización do coloquio, Xosé Manuel Beiras, Xoán Bascuas e Manuel Dios deron, dun xeito máis ou menos explícito, en tender mutuamente as mans para confluíren nun proceso que ata o momento, en verbas do que fora portavoz nacional do Bloque, pode ter un aire a "camiñar entre a néboa", pero que, asegura, comezará a clarexar en breve. Tras semanas de ruxerruxes os tres colectivos semellan dispostos a confluír dende a convicción, di Bascuas, de que "o futuro inmediato nos vai ofertar unha única oportunidade". Que saia adiante, afirma, "é responsabilidade de todos os que teñen capacidade de decisión" para "atendela.

Beiras, Bascuas e Dios apostan por unha "alianza de base ampla" a través dun diálogo que non veña "precociñado", afirman

Partindo da intención, segundo resume o representante, que non "líder", dos ecogaleguistas, de tecer unha "alianza de base ampla", os interrogantes que choveron sobre as relatores foron encamiñados, en boa medida, a coñecer o xeito en que se concretará. Os irmandiños xa comezaron a celebrar xuntanzas encamiñadas a formar "grupos de traballo que se autoorganicen como asembleas" para elaborar a nova forza "desde abaixo", di Beiras. Mentres se celebran esas reunións, nas que, admite Bascuas, están a participar integrantes de +G, o Espazo Ecogaleguista prepara a súa conferencia política do 14 de abril e amósase partidario do "diálogo". Pero, existen xa contactos formais? A resposta xeral é que non, pero con matices. Dende Máis Galiza amósanse partidarios de "establecer conversas" dende o 31 de marzo, cando rematarán o proceso posterior ao congreso no que decidiron deixar o BNG. Non semella que vaian atopar rexeitamento no EI cuxa única condición de partida, advirte Beiras, é non colaborar na preparación dun "prato precociñado". "Trátase de buscar os denominadores comúns que permitan encarreirar un proxecto para a maioría social, que é diversa" e "non é un saco de area" por estar estruturada en "grupos sociais e clases", detalla.

Cal debe ser a forma do novo artefacto político? "O problema non é a estrutura", senón "como intercambiamos, como nos retroalimentamos, buscarlle un nome é a preocupación menor", sinalou Bascuas en resposta a un dos estudantes nun contexto no que, non obstante, si paira a dicotomía entre fronte si ou fronte non. Semella que esta cuestión tampouco será un obstáculo insalvable. Partindo da necesidade da "cooperación" fronte á "competición", unha idea reiterada case literalmente por Beiras e Dios, o secretario xeral de Máis Galiza explica que o partido que dirixe non quere unha fronte "non porque o BNG o fose" senón porque "entendemos que ese mecanismo xa non é válido". "É difícil facer convivir o frontismo co asemblearismo", o principio "unha persoa, un voto" coa influencia interna de partidos, di.

Uns e outros teñen algunhas referencias na man, como o Olivo italiano ou Amaiur, e amósanse abertos a falar con outras forzas

A formación que, a priori, podía situarse nunha posición maís próxima ao modelo frontista tradicional, o Encontro Irmandiño, asegura por boca do seu portavoz nacional, que a súa intención non en "enlearse" en exceso nesta cuestión. "Nós falamos de fronte cando estábamos na loita dentro do BNG". Unha vez fóra, a súa idea é "estruturar a diversidade" nunha "organización de afiliación individual" que funcione "de abaixo a arriba". Dende o ecogaleguismo a idea, apunta Manuel Dios, é "superar modelos" que consideran "acabados" por "non responder á realidade actual". Pero, poranse roteiros sobre a mesa? Beiras ten un "borrador" que non vai "soltar" polo momento. "Un dos exercicios que implica este proceso é que os cidadáns volvamos ser cidadáns activos", porque "perdemos o hábito", asegura. Polo momento, uns e outros teñen algunhas referencias de man, que van dende o Olivo italiano a Amaiur. E, quen máis cabe no proxecto, preguntaron algúns dos asistentes en referencia a eventuais novas formacións políticas. "Se existe unha forza política que se está creando agora eu non a excluiría, outra cousa é que me convenza", di Bascuas. Se se trata "dun grupo de persoas que hipoteticamente se supón que é un grupo de dereitas" o "encaixe" depende "de que os cidadáns que o constrúen entendan se ten ou non encaixe". "Non temos un botonciño que poña cor verde ou vermella na porta", ilustra o irmandiño.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.