O PP tenta fuxir en Galicia das súas contradicións coas preferentes

Feijóo accede á sesión plenaria © Xoán Crespo

Non pasaran nin vinte e catro horas dende que o PP votase a favor -en Galicia- e en contra -en Madrid- da proposición do BNG para eliminar as quitas aos aforros das persoas estafadas coas preferentes e subordinadas cando o asunto volveu ao Parlamento galego. Fíxoo de maneira colateral, no medio da liorta na que adoitan converterse dende hai un tempo os plenos da Cámara galega. En diferentes treitos da sesión os conservadores galegos tentaron fuxir, con maior ou menor fortuna, da contradición na que viñan de incorrer. O primeiro en tentalo foi o presidente, nun terreo tan pouco propicio para el como unha sesión de control monopolizada polas cuestións arredor da súa relación co narcotraficante Marcial Dorado.

O voceiro do Bloque, Francisco Jorquera, iniciou a súa intervención poñendo exemplos do que considera reiteradas "mentiras" do presidente. Para o nacionalista, Feijóo "mente" no asunto de Dorado igual que o fixo "cando asegurou que o futuro de Novagalicia Banco estaba blindado" ou "cando dixo estar en contra da quita aos estafados polas preferentes e onte -polo pasado martes- fixeron o paripé de votar aquí en contra da quita e a favor en Madrid". Foi neste punto cando o líder da dereita tentou xustificar a duplicidade de discurso da súa formación. O "paripé" non o fixo o PP, senón o BNG, acusou, porque "trae a esta Cámara unha cuestión sobre a que non ten competencias esta Cámara para decidir", afirma, obviando que a proposición dos nacionalistas era para ser remitida ao Congreso no caso de ser aprobada.

Feijóo considera un "paripé" a votación no Parlamento sobre as quita das preferentes, porque a Cámara galega "non ten competencias"

Do mesmo xeito, Feijóo teoriza tamén que o Bloque tenta facelo "responsable dos 230.000 preferentistas de Bankia" e tamén dos "cataláns que teñen atrapados" os seus cartos "en Caixa Catalunya". "Nós falamos de Novagalicia Banco" e nese caso, di, as "súas posibilidades" dos preferentistas son "a vía xudicial e a arbitraxe", a "mesma arbitraxe" que "vostedes ían polos pobos dicindo que non a collesen, que os ían enganar". Neste contexto, o presidente gábase de que Novagalicia Banco "ten autorización para devolver os aforros daquelas persoas que non tiveran a información axeitada e teñan menos de 10.000 euros atrapados" en preferentes, o que significa que "nas próximas semanas máis de 20.000 persoas van ter o 100% dos seus aforros nas súas casas".

Isto, augura, vai suceder mentres "o número de arbitraxes vai subir ata arredor de 300 diarios". "E sen eleccións!", exclamou dende o seu escano o voceiro do PP, Pedro Puy. Segundo Feijóo, estes anuncios son mostra máis que suficiente de que, na cuestión das preferentes, o seu partido e o seu Goberno non fai máis que "dar a cara e traer solucións". "Traizoouno o subconsciente", retrucou Jorquera. "Votan e ncontra da quita aquí, porque segundo vostede non hai competencias, pero onde a hai votan a favor".

De novo contra a quita

Tras rexeitar eliminala no Congreso, os populares galegos volveron votar a favor de suprimir a quita

Pero o que para o presidente era un "paripé" reproduciuse na mesma sesión, un chisco despois. A popular Herminia Pouso accedeu á tribuna para defender unha iniciativa encamiñada a reclamarlle á Xunta a que "elabore e presente ante a Cámara un informe mensual que inclúa información sobre o número de reclamacións aceptadas pola entidade bancaria, así como o número de vistas celebradas e os laudos emitidos", isto é, que o Goberno facilite a información que xa publica Novagalicia na súa web. Tras un acendido debate, no que Jorquera volveu reprochar a "metamorfose" no sentido do voto dos conservadores, estes deron en aceptar unha emenda do PSdeG na que, entre outros aspectos, se reclama "solicitar da Comisión Europea da Competencia e do Goberno de España que retiren a esixencia de quitas para as persoas afectadas por esta comercialización indebida". Isto é, o mesmo que rexeitou o PP no Congreso.

A iniciativa do PP reclamaba unha información que xa é pública na web de Novagalicia

Así as cousas, tras o segundo cambio de posición en menos de vinte e catro horas, a Xunta ten agora o mandato parlamentario de pedirlle ao Goberno o mesmo que o partido que o sustenta rexeitou no Congreso. Todo este episodio estivo, mentres, salferido dos xa habituais incidentes en pleno; desta volta protagonizados pola popular Herminia Pouso, que dubidou das "facultades mentais" da vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, quen á súa vez considerou propiodo "fascismo" o xeito en que rexe os plenos o vicepresidente da Cámara, Miguel Santalices. Santalices foi quen, minutos despois, resolveu suspender o pleno durante quince minutos para calmar a tensión xerada pola discusión de deputados de AGE e o propio PP.

Feijóo accede á sesión plenaria © Xoán Crespo
Jorquera diríxese a Feijóo durante o debate CC-BY-NC-SA BNG
Información ofrecida por Novagalicia, que o PP pediu no Parlamento © NCG Banco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.