A Xunta tarda seis meses en aplicar as axudas ao aluguer para persoas desafiuzadas

Concentración de Stop Desafiuzamentos en Santiago © Stop Desafiuzamentos

O pasado 5 de decembro, no primeiro Consello da nova lexislatura, a Xunta aprobaba o seu plan de realoxamentos para persoas desaloxadas da súa vivenda pola banca ao non poderen facerlle fronte á hipoteca. En plena vaga de tensión social a causa dos desafiuzamentos o Goberno galego anunciaba, a través do seu presidente, que se dispuña a poñer á disposición das persoas desafiuzadas un parque total dunhas 500 vivendas, das cales 150 estarían dispoñibles de inmediato e 46 máis ao longo do ano 2013, en canto rematase a súa construción. Neste programa incluíanse pisos de promoción pública destinados á venda que actualmente están deshabitados e outras pertencen ao Plan Aluga, de incentivos ao alugueiro. A adaptación do Plan Aluga a este programa levoulle seis meses ao Executivo.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a orde coa que a Consellería de Infraestruturas determina "como colectivo de atención preferente con axudas excepcionais as persoas afectadas por execucións hipotecarias no marco do Programa Aluga". Concretamente, este cambio normativo implica que as persoas desafiuzadas serán "colectivo prioritario" en xeral e, "no caso de ter ingresos anuais ponderados inferiores a 0,7 veces o indicador público de renda de efectos múltiples, como colectivo cualificado para a adxudicación de vivendas" no plan Aluga. Que quere dicir isto? Que as familias que perdan a vivenda e ganen menos de 532,51 euros ao mes poderían acceder a un destes pisos de aluguer cunha subvención do 100% da renda, se ingresa entre 532,51 e 1065,02, a axuda do 70% e ata 1331,28, a axuda anual ao aluguera quedaría no 60%.

O Consello Xeral do Poder Xudicial rexistrou 3.511 lanzamentos hipotecarios en Galicia durante 2012

Mentres esta orde non saía a luz a Xunta sinala que xa adxudicou algunhas das vivendas integradas no devandito programa de realoxamentos, concretamente 16, das que 12 están na provincia de Pontevedra e as catro restantes, na Coruña. Segundo datos oficiais o Goberno ten pendentes 17 solicitudes máis, tamén na Coruña e Pontevedra, mentres que en Lugo e Ourense "non se rexistraron solicitudes". Isto sucede nun contexto no que, segundo datos do Consejo General del Poder Judicial, ao longo do ano 2012 se rexistraron en Galicia un total de 3.511 lanzamentos hipotecarios, o que implica case dez ao día.

Neste contexto, a Xunta considera que "cómpre lembrar" o aprobado no "primeiro Consello da actual lexislatura" e que a intención desta medida é "satisfacer as necesidades onde non se dispoña de viendas de promoción pública ou non se adapten ás necesidades das familias afectada". "En definitiva, o Goberno galego -argumenta- non só se preocupa senón que tameń se está a ocupar desta situación dende o primeiro momento". "A Xunta de Galicia -conclúe a comunicación oficial- manterá esta política de actuación, a de dispoñer medidas dentro das súas posibilidades, e sempre conforme a criterios de racionalidade e proporcionalidade, a seguir contribuíndo a paliar os problemas causados polos desafiuzamentos".

Concentración de Stop Desafiuzamentos en Santiago © Stop Desafiuzamentos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.