0 Gardados para despois

O xuíz do caso Bárcenas pide as contas do PP galego entre 1997 e 1999

Redacción | @prazapublica

O escándalo Bárcenas volve salpicar o PP galego. O xuíz que instrúe na Audiencia Nacional a peza separada do caso Gürtel centrada nos coñecidos como papeis de Bárcenas vén de emitir un auto no que semella querer entrar a fondo nas contas dos conservadores a nivel estatal e no que, ademais, pon a lupa en varias autonomías, entre elas Galicia. Nomeadamente Ruz reclámalle ao partido da dereita toda a información financeira da que a formación dispoña referente a Galicia entre os anos 1997 e 1999.

Nese auto, feito público polo diario El País, Ruz explica que a Fiscalía, "dado que o Partido Popular non remitiu a contabilidade consolidade da sede central coa das súas sedes territoriais nin ditas contas ofron repmitidas, ao carecer delas, polo Tribunal de Cuentas", requírelle "a dita formación política que achegue á causa os libros do maior e diario", isto é, a súa contabilidade íntegra, "correspondente" a diversas sedes territoriais. No caso galego os libros reclamados son os de 1997, 1998 e 1999. Xunto a eles o Ministerio público recalam os de "1998 a 2001, 2004 e 2007" de Málaga, os de "2004, 2007 e 2008" de Cantabria, entre 2004 e 2008 de Sevilla, os de 2008 de La Rioja e os de 2007 de Catalunya.

O mesmo documento xudicial explica que a Fiscalía lle reclama tamén ao PP todos os seus "gastos de representación" correspondentes ao período 2004-2012. Debe achegar, concretamente, "o soporte documental, incluídas as ordes de transferencia bancaria, das anotacións contables acreditativas dos pagamentos". Do mesmo xeito, os conservadores deberán traladarlle á xustiza información referida aos "rexistros de entrada" que figuren na "sede central da rúa Génova de Madrid" de diversos empresarios "imputados/querelados" nesta peza separada por, presuntamente, teren realizado doazóns que figuran nos papeis do ex tesoureiro.

Os 21 millóns de Pablo Crespo

A información que reclama o xuíz refírese a anos nos que Pablo Crespo era o secretario de organización do PPdeG

A información relativa ao PPdeG que reclama o xuíz Ruz correspóndese a uns anos nos que a secretaría de organización dos populares galegos estaba ocupada por Pablo Crespo, considerado un dos líderes da trama Gürtel que, ademais, sentou ata 2005 no consello de administración de Portos de Galicia -xa con Feijóo como conselleiro de Política Territorial-. Os papeis de Bárcenas, como recolleu El País e posteriormente recoñeceu o propio Crespo, recollen un pagamento de 21 millóns de pesetas que tamén figura na contabilidade do PPdeG atopada pola Policía nunha caixa de seguridade que o ex secretario de organización gardaba nun banco de Pontevedra. 

Nesa contabilidade figura un pagamento de maio de 1999 que di: “21.000.000. Sede Nacional. Pago deudas pendientes”. Nos papeis de Bárcenas, datada tamén en maio de 1999, figura a entrada desa mesma cantidade e o comentario: “P. Crespo. 21.000.000”. Esta pasada semana Crespo admitiu a entrega en metálico desa cantidade, en 1999 en Compostela, a quen daquela era tesoureiro do PP, Álvaro Lapuerta. Segundo a súa explicación o pagamento era parte da devolución do partido en Galicia á sede central dun préstamo de 600.000 euros para financiar unha campaña electoral.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.