Facenda gastará 800.000 euros en pedir "solidariedade" coas contas públicas

Elena Muñoz, titular de facenda, rematará de xestionar a campaña © Xunta

Un prezo estimado de 805.000 euros que, unha vez engadido o correspondente IVE, pode chegar aos 944.000. É o que a Consellería de Facenda prevé gastar para pedir, esencialmente, "solidariedade" aos galegos. Mentres, dende hai semanas, o Goberno galego se esforza en enviar globos sonda con posibles recortes no seu interior -previsiblemente se concretarán cando as primeiras contas de Rajoy sexan unha  realidade-, a actual secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, Marta Fernández Currás, deixou iniciados os trámites para contratar unha campaña publicitaria coa que o Goberno galego reclamará "solidariedade na contribución para o mantemento dos servizos públicos" a través dos medios de comunicación.

O pasado 31 de decembro, vinte e catro horas despois de que fose público o nomeamento de Currás no Goberno central, Facenda remitía ao Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) un anuncio previo para a contratación desta campaña, que foi publicado este xoves. Trátase dun aviso que as Administracións públicas remiten ao boletín comunitario cando prevén realizar contratacións por un montante máis ou menos importante, co obxectivo de que coñezan a súa intención as empresas que potencialmente poidan estar interesadas en toda a UE. Nese anuncio, a consellería que xestiona as contas galegas non está a obrigada a ofrecer grandes detalles, aínda que si avanza que o contrato consistirá nunha "acción divulgativa contra a fraude fiscal e da solidariedade contributiva de todos os galegos" mediante "a inserción de anuncios publicitarios ou informativos de interese público".

Cando remate o procedemento de contratación -será iniciado a finais de marzo, segundo prevé o Goberno-, a Xunta levará gastado máis dun millón de euros nuns poucos meses en pedirlles aos galegos que sexan responsables cos cartos públicos. Non en van, esta nova campaña publicitaria engadirase á que a propia Consellería de Facenda difundiu durante o mes de decembro, mentres no Parlamento remataba a aprobación dos Orzamentos para 2012, baixo o lema Cada euro conta. Aquela acción propagandística, tal e como informara Tempos Dixital, tivo un impacto de 400.000 euros nas arcas públicas. Así, ante o novo gasto previsto, ambas campañas poderían chegar a sumar ata 1,2 millóns de euros.

Os trámites iniciáronse con Currás como conselleira CC-BY-NC-SA Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.