O BNG leva ao Congreso unha iniciativa para que non se eliminen trens en Galicia

Rosana Pérez, no Congreso CC-BY-NC-SA BNG

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, levará á Cámara o vindeiro martes 11 de xuño unha proposición non de lei que insta ao Goberno central a "dar marcha atrás no seu propósito de eliminar case todos os servizos de media distanza existentes actualmente na Galiza" como os de Ferrol-A Coruña, Ourense-Puebla de Sanabria, Ourense-Monforte-Ponferrada, A Coruña-Lugo-Monforte, Vigo-Ourense e Santiago-Ourense.

O BNG pide a Fomento que teña en conta que Galicia "é dos poucos territorios sen trens de proximidade"

A Comisión de Fomento do Congreso debatirá e votará esta iniciativa do BNG, na que se que demanda a Fomento que “dada a súa extensión territorial e a súa poboación, se teña en conta que se trata dos poucos territorios que carecen de servizos ferroviarios de cercanías, de aí a necesidade de manter as conexións de media distanza”.

Ademais, Rosana Pérez pide ao Ministerio que inicie un diálogo coa Xunta para negociar o traspaso das competencias en materia de ferrocarril interior a fin de "implantar un servizo de proximidade que aproveite as liñas existentes, precisamente as que se corresponden cos servizos de media distanza que agora Fomento quer eliminar”.

O Bloque solicita ao Goberno central que inicie un diálogo coa Xunta para negociar o traspaso de competencias ferroviarias

A deputada nacionalista emprazará o Ministerio a “reflexionar sobre o Plan de recortes de servizos ferroviarios" e pediralle que cambie o paso e aposte pola "potenciación do  transporte ferroviario de pasaxeiros e de mercadorías posto que a realidade demostra que un servizo óptimo con tempos reducidos e trens modernos capta unha grande afluencia de viaxeiros”.

Rosana Pérez acusa a Fomento de “deixar morrer o tren cando é evidente que se se ofrece un ferrocarril en condicións, de calidade e con bos tempos de viaxe, cáptanse usuarios porque é un medio de transporte eficaz, seguro e ecolóxico”. Nese sentido, afirma que a mesma ministra de Fomento “entra en contradicción cando amosa a súa satisfacción polo importante aumento do tráfico de pasaxeiros na Galiza nos últimos meses debido á entrada en funcionamento do tren híbrido de Madrid a Galicia. Os tráficos de viaxeiros incrementáronse nun 53%, demostración palpábel de que cando se melloran os trens, os tempos de viaxe e se oferece un servizo moderno, á altura do século XXI, o tren atrae moita demanda”.

Rosana Pérez, no Congreso CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.