0 Gardados para despois

O Parlamento, forzado ao silencio sobre os papeis das caixas co visto e prace do PP

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Documentos relacionados

Documentación relativa á xestión interna de Caixanova e Caixa Galicia antes de confluír na malograda Novacaixagalicia, o xeito en que os xestores de ambas entidades se aseguraron unha xubilación dourada e millonaria ou a auditoría que, pagada cun millón de euros públicos, supostamente avalou a solvencia e galeguidade da entidade resultante, a mesma que pouco despois foi bancarizada e intervida. Son algúns dos documentos que poderán coñecer os deputados e deputadas do Parlamento de Galicia pero ninguén máis, nin sequera as persoas que poidan asesorar os seus respectivos grupos políticos en materia financeira. Este é o resultado da votación deste venres na comisión de investigación das caixas, na que o PP fixo valer a súa maioría absoluta para declarar materia reservada o contido en 14 das 34 caixas de documentación que a Xunta lle remitiu ao Parlamento por solicitude deste.

Os representantes da cidadanía nin sequera poderán realizar fotocopias. Só teñen autorización para tomar notas manuscritas e sempre baixo o compromiso de non facer público o seu contido, isto é, de non revelarlles aos seus representados e representadas as indagacións que realizan e as conclusións ás que chegan. Será, polo tanto, unha caste de investigación de consumo interno no que atinxe a algúns dos documentos máis sensibles, que os membros da Cámara -os 75, non só os que forman parte da comisión- poderán consultar no horario previsto para este labor acudindo á coñecida como Sala do Estatuto, un salón próximo ao hemiciclo no que se desenvolveron os traballos da frustrada reforma estatutaria, hai dúas lexislaturas.

Os deputados e deputadas poderán consultar os documentos pero non revelar o seu contido

Malia esta inédita decisión -é a primeira vez que o Parlamento de Galicia traballa con documentación con carácter reservado- o voceiro do PP, Pedro Puy, rexeita que haxa "nada que ocultar" toda vez que, argumenta, a Xunta lle enviou á Cámara todo o que lle pediu. O interese do grupo conservador é tamén o da "transparencia", asegura Puy quen, non obstante, xustifica o voto favorable á ocultación de documentos á opinión pública porque "todos os deputados van ter acceso" pero "coa única condición de non facer pública esta información". A normativa de "protección dos datos bancarios ten que respectarse", di o popular, 

Esta caste de voto de silencio non tivo o apoio de ningún dos grupos da oposición. "Hai algo que ocultar", mantén o socialista Abel Losada, para quen esta decisión "racha de maneira radical co discurso e transparencia" que "a presidenta da Cámara traslada machaconamente". O PP, lamenta, sobe un chanzo "no proceso de doma e castración do Parlamento", ata o punto de impedir que sexa pública unha auditoría "que supostamente avalaba a fusión" e que foi pagada con fondos públicos. "Un pitorreo" é o que observa o voceiro da AGE, Xosé Manuel Beiras, para expresar un rexeitamento que tamén comparte o seu homólogo do BNG, Francisco Jorquera, quen considera "unha tomadura de pelo" que o lexislativo non lle poida revelar á cidadanía o contido dos seus traballos.

Mentres o PP votaba a favor da reserva Feijóo, dende San Caetano, aseguraba que "por min, faría públicos todos os documentos"

Mentres sucedía isto na sede do lexislativo, en San Caetano o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmaba ante a prensa que a súa vontade non é, nin moito menos, ocultar documento ningún. "Por min, faría públicos todos os documentos", asegura, pero "estamos nun estado de dereito e só podemos facer públicos os documentos que nos deixe a Asesoría Xurídica da Xunta e os letrados do Parlamento". O xefe do Executivo asegura ter "moitísimo interese" en que toda a documentación puidese ver a luz, pero "estou sometido á lei" e "o presidente dun Goberno o primeiro que ten qeu facer é cumprir a lei. "Gustaríame -asegura- que a Asesoría Xurídica da Xunta e os letrados do Parlamento cambien de opinión e ofrezan máis información".

Negativa do Banco de España

Os servizos xurídicos da Cámara analizarán se o Banco de España ten obriga de remitir a información

A discordia creada pola reserva de documentos só desaparece á hora de reclamarlle ao Banco de España que lle entregue ao Parlamento os documentos que lle pide, referidos esencialmente ao funcionamento das antigas caixas. Dado que estas entidades xa non existen como tales os grupos coidan que non hai motivos para o secretismo tamén neste punto. Deste xeito, mesmo o propio Puy admitiu estar de acordo coas protestas expresadas ao respecto por AGE e anuncia que a comisión e investigación debera "facer algo ao respecto da negativa do Banco de España a facilitar a documentación solicitada". Por este motivo, o PP concorda con que os servizos xurídicos parlamentarios elaboren un inforem "sobre a obriga" do regulador financeiro "de responder a unha solicitude de documentación realizada desde unha comisión de investigación dun parlamento autonómico".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.