0 Gardados para despois

Os documentos do torpedeo á investigación das caixas

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Documentos relacionados

A unanimidade que presidiu a aprobación do plan de traballo da comisión de investigación das caixas saltou polos aires cando, o pasado xoves, o PP decidía apoiar que 14 das 34 caixas de documentación a estudar fosen declaradas reservadas, un segredo que dá lugar a que os deputados e deputadas poidan consultar información sobre a xestión e fusión das antigas Caixanova e Caixa Galicia pero non revelala á cidadanía, nin sequera aos seus respectivos equipos. O secretismo que escurece a expectativa de transparencia desta comisión aféctalle só a parte da documentación enviada pola Xunta. Non lle afecta a documentos sensibles que lles foron reclamados a outras entidades e institucións, a comezar pola propia Novagalicia Banco, porque directamente non os enviaron.

Nos últimos días o Parlamento foi recibindo respostas que, apoiándose esencialmente en supostos de confidencialidade e protección de datos, lle negan información ao lexislativo galego. Pola banda do banco herdeiro das malogradas caixas os grupos reclamaban, por exemplo, Actas das asembleas xerais e dos consellos de administracións das caixas, relación "do persoal directivo que, dende 2004, cobrou calquera tipo de indemnización no momento do abandono das entidades", "retribucións totais percibidas polos membros dos órgnos de gobernos e dos equipos directivos" ou "créditos, préstamos e vendas outorgados a membros dos seus órganos de Goberno", entre outros. 

Na súa resposta o director do gabinete da presidencia de Novagalicia, Santiago Novoa, acusa recibo da "atenta comunicación" remitida pola presidenta do Parlamento e di ser "concisente da relevancia que o bo fin dos traballos asumidos por dita comisión sen dúbida reviste para o interese xeral". Por iso, argumenta, "é o noso desexo prestar a máxima colaboración que nos é posible dentro dos límites que a lexislación vixente impón a NCG Banco". Así, amparándose nos "límites resultantes das obrigas de reserva e confidencialidade", na lei de protección de datos e no segredo bancario, a empresa lmítase a remitir informes de goberno corporativo das antigas caixas por separado, así como documentos relativos á fusión e ás preferentes que xa eran públicos.

Tras as negativas de Novagalicia e do Banco de España este venres a Comisión Europea negoulle tamén ao Parlamento a información que reclamaba

O "réxime de especial reserva" é tamén no que se apoia o gobernador do Banco de España, Luis María Linde, na carta coa que lle contestou ao Parlamento. O regulador, di, está obrigado a "gardar segredo en relación ás informacións de materia confidencial" e por iso non lle remite ao Parlamento documentos como os balances reservados de Novagalicia, "informes ou comunicacións entre Caixa Galicia e Caixanova e o banco en relación coa evolución destas", a "relación de persoal directivo que, dende 2004, cobraron calquera tipo de indemnización no momento de abandono das entidades", "copia da autorización en relación coa comercialización de preferentes e subordinadas" , "informes realizados polos inspectores do Banco de España sobre a situación das entidades" e "auditorías nas que se valora o valor patrimonial de Novacaixagalicia".

Neste contexto, a último en sumarse ao torpedeo á investigación foi este venres a Comisión Europea que, a través do seu vicepresidente e comisario da Competencia, Joaquín Almunia, tamén lle nega á Cámara galega a información que solicitara. A través dunha carta, Almunia vén de dicirlle a Pilar Rojo que a Comisión "non pode ofrecerlle" a información que pide "debido ás obrigas de confidencialidade cara ao Reino de España e á citada entidade [Novagalicia Banco]". Na mesma misiva, Almunia explícalle á presidenta que "pode atopar a versión non confidencial" dos datos reclamados na web da Comisión. O documento reclamado non era outro que o plan de reestruturación de Novagalicia Banco, o cal, segundo o voceiro do PP, Pedro Puy, poderá ser consultado polos deputados e deputadas "porque forma parte da documentación remitida pola Xunta".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O Parlamento tentará "convencer" o Banco de España

As negativas ao envío de documentación foron recibidas con contrariedade no Parlamento galego, mesmo no propio PP, especialmente explícito á hora de cargar contra Almunia. Segundo o voceiro conservador na Cámara, Pedro Puy, o argumento esencial das respostas é "que se nos envía aquilo que pode coñecerse porque é público e está colgado na páxina web e non a documentación interna que levou a adoptar decisións que, en todo caso, foi de parobación dunha fusión que naquel momento todos os que a analizaron, tanto as auditoras que interviñeron, como o Goberno de España, o Banco de España e a Comisión Europea entenderon que era correcto".

No caso concreto do Banco de España Puy sinala que "interpreta unha norma dun xeito que exclúe a remisión de infromación reservada a comisións de investigación creadas nos parlamentos autonómicos", pero "entendemos que esa non é a interpretación correcta da norma", por iso, di, concorda coa oposición na necesidade de que os servizos xurídicos da Cámara elaboren un informe ao respecto das posibilidades de "convencer" o regulador para que entregue o que se lle pide.

Dende as filas da oposición o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, saía este venres ao paso dos últimos acontecementos, no seu caso para centrarse na reserva de documentación. Que Feijóo "impoña o segredo sobre a auditoría de KPMG, a columna vertebral da fusión" supón escribir "unha páxina negativa na historia de Galicia" contra a "demanda de transparencia" que, di, formula a cidadanía. Tamén o voceiro do BNG, Francisco Jorquera, referiuse en nota de prensa tanto ás negativas de documentos como á declaración de segredo para censurar o "obstruccionismo" que está entorpecer o inicio dos traballos da comisión.