A oposición clama contra o segredo na investigación das caixas

Rótulo nunha sucursal da antiga Caixa Galicia CC-BY-SA Merixo

A falta de transparencia, toca ler entre liñas. A comisión de investigación sobre as antigas caixas galegas comezaba a camiñar a pasada semana entre as sombras do segredo imposto polos votos da maioría absoluta do PP sobre 14 das 34 caixas de documentación achegadas pola Xunta a solicitude dos grupos parlamentarios. Mentres a propia Novagalicia e institucións como o Banco de España ou a Comisión Europea exercen o seu particular torpedeo ao lexislativo galego negándose, directamente, a enviar a documentación requirida, os grupos parlamentarios comezan a examinar os papeis remitidos polo Goberno galego. A oposición ve, en verbas de Francisco Jorquera, do BNG, unha "estratexia do PP para que non poidamos investigar", convertendo os traballos nun auténtico "vodevil", di o socialista Abel Losada.

Neste contexto, as formacións diferentes do PP dan, ata onde poden, algunhas pinceladas do que están empezando a observar. Así, por exemplo, Losada comparecía este luns en rolda de prensa para anunciar que o seu grupo viña de solicitar formalmente ante a Presidencia da Cámara que se reconsidere o carácter reservado dos documentos, a comezar pola auditoría na que a Xunta apoiou o seu aval á fusión das caixas, elaborada pola empresa KPMG por un prezo dun millón de euros. Ese documento debe de deixar de ter carácter reservado xa que nin sequera é unha auditoría. A auditoría "non existe" xa que "o documento pagado a KMPG é unha "Presentación del diagnóstico acelarado de viabilidad de la fusión de Caixa Galicia y Caixa Nova", "segundo reza no seu título".

"Resulta inexplicable que un documento que custou un millón de euros dos orzamentos público sexa reservado"

Para os socialistas resulta "inexplicable" que "un documento que custou un millón de euros dos orzamentos públicos "teña carácter reservado", toda vez que nin sequera os grupos parlamentarios puideron vela cando a Xunta presentou, no seu momento, "un PowerPoint resumo" coas súas conclusións, nas que sinalaba que o documento de KPMG "xustificaba, a toda costa, un proceso de fusión que acabou cun banco nacionalizado con 9.000 millóns de euros de fondos públicos, coa fraude aos preferentistas, aos traballadores no paro, concellos galegos en situación de exclusión financeira, sen crédito para PEMES e familias coa obra social desintegrada".

"Ao alcance de toda Galicia"

"Non só se declaran reservados boa parte dos documentos", senón que "a efectos prácticos, este carácter reservado afecta ao conxunto da documentación", acrecenta o nacionalista Francisco Jorquera, quen revela que o "argumento peregrino" empregado polos conservadores é que "non é posible habilitar dúas salas" para a consulta da documentación, "unha cos documentos reservados e outra coa documentación non oficial". Así, sinala, impídese "o acceso dos asesores dos grupos" a todos os papeis e constátase unha "estratexia" que, ao seu xuízo, fica reflectida tamén no feito de que "todas as comparecencias" dos antigos directivos de Caixanova e Caixa Galicia "se concentren no mesmo día", este venres 21.

O PP defende que "toda Galicia" ten a disposición os seus documentos aínda que os deputados non poidan revelar os seus contidos

Fronte a todas estas críticas o voceiro do PP, Pedro Puy, mantén que o leit motiv da súa formación neste proceso está a ser a transparencia. Así, considera que grazas aos papeis remitidos pola Xunta a información é "exhaustiva" e "suficiente" e, ademais, está "ao alcance de toda Galicia a través dos seus representantes", toda vez que os 75 deputados poden consultar os papeis, se ben teñen vetado revelar nada sobre a documentación confidencial. No que atinxe concretamente á auditoría de KPMG, ao seu xuízo o PSdeG debera deterse a analizalo xa que o seu contido "probablemente pecharía moitas bocas". En calquera caso, Puy practicamente reproduce as verbas de Alberto Núñez Feijóo para asegurar que o segredo se impuxo porque "isto é un Estado de Dereito" e a Asesoría Xurídica da Xunta estipula a reserva. "Hai que cumprir a lei", advirte.

Losada, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA PSdeG
Jorquera, con Montse Prado en rolda de prensa CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.