Marcial Dorado 'volve' ao Parlamento

Bancadas da oposición, durante unha sesión de control CC-BY-NC-SA AGE

Marcial Dorado volve politicamente ao Parlamento, se é que marchou algunha vez dende que, a finais de marzo, El País publicou as fotos do narcotraficante a bordo do seu iate co presidente da Xunta en 1995, cando Alberto Núñez Feijóo ocupaba a secretaría xeral do Sergas. A Cámara galega celebra a vindeira semana o derradeiro pleno deste período de sesións e tanto Feijóo como o seu grupo parlamentario terán volverse enfrontar a preguntas e iniciativas sobre a que, posiblemente, é a crise máis grave en termpos políticos e de imaxe sufrida polo líder da dereita galega dende o seu ascenso á Presidencia en 2009.

retorno de Dorado producirase, entre outros puntos, na sesión de preguntas ao presidente, centro da tensión política galega nos últimos tres meses. AGE e BNG sacaranlle o tema a Feijóo dentro de cuestións máis amplas que, no caso de Alternativa, espertaron suspicacias no grupo conservador mesmo antes da propia sesión. Así, segundo relataba Xosé Manuel Beiras ao remate da Xunta de Portavoces deste martes, a formulación inicial da cuestión tivo que ser reformulada porque "seica non se consideraba que non era unha pregunta, que eran varias". A cuestión versaba sobre se "considera o señor presidente que cumpre fielmente coas súas obrigas de facer valer o interese xeral" ao manter o "segredo" sobre a documentación das caixas de aforros e sobre os contratos da Xunta con Marcial Dorado.

Beiras atribúe as obxeccións do PP ao "pánico a que se lle fagan preguntas comprometidas ao presidente Núñez"

"Despois desta reformulación a señora presidenta dixo que aínda despois a Mesa decidiría se era correcta, porque tamén tiña que ser sucinta", di. Para Beiras, estes requisitos non son máis ca unha mostra do "pánico" a que "se lle fagan preguntas comprometidas ao presidente Núñez" aínda que "non conteste" como "práctica habitual". Ao cabo, para o líder e AGE este é un exercicio de "censura", un "esperpento" no que, ao final "o Ministerio da Verdade será o que decida que linguaxe hai que utilizar", ironiza, en referencia ao 1984 de George Orwell.

Jorquera denuncia a "obstrución para coñecer a documentación" dos contratos de Dorado

Non obstante, a reformulada pregunta de AGE non será a única que devolva a Dorado ao hemiciclo. Tamén o voceiro do Bloque, Francisco Jorquera, cuestionará a Feijóo ao respecto nunah pregunta "sobre se pensa que coa manipulación conseguirá ocultar a grave situación social e política de Galiza". Esa "manipulación sistemática" prodúcese, a xuízo do nacionalista, coa "ocultación da realidade con propaganda", a "ocultación de promesas coa formulación de novas promesas" e tamén no propio Parlamento, "sometido continuamente á obediencia dos intereses do Executivo", cuestión da que é "claro exemplo", ao seu xuízo, a "obstrución para coñecer a documentación relativa a contratos ou axudas ás empresas de Marcial Dorado".

Pregunta sobre "destrución de documentación"

O PSdeG, pola súa banda, non lle preguntará directamente a Feijóo por Marcial Dorado, o que non implica que deixe de lado as relacións do narco co actual presidente. Así, os socialistas manteñen viva a súa "petición de amparo á Presidencia da Cámara" pola "política de respostas parlamentarias que o Goberno está facendo cos partidos da oposición". Así, na propia Xunta de Portavoces Abel Losada lembrou que segue a agardar polos documentos "sobre as relacións entre o tecido empresarial" de Dorado "e a Xunta na época en que Feijóo e Dorado mantiñan unha relación impropia, inmoral e indecente". "Esiximos eses contratos", máis aínda, lembra, despois de que Feijóo dixese que "esa información fora destruída" e, dous días despois, o secretario xeral do Sergas afirmou que a documentación existía e era moi voluminosa.

O PSdeG reitera que, se non se sente "amparado" pola presidenta, reclamará os contratos por vía xudicial

Por este motivo os socialistas interpelarán o Goberno no mesmo pleno -a iniciativa debera ser, previsiblemente, contestada polo vicepresidente Alfonso Rueda- sobre os "criterios de destrución da documentación pública". Trátase, explica Losada, de tentar deitar un chisco de luz sobre a "política de atraso e néboa" que, ao seu xuízo, tenta aplicar o PP ao conxunto da vida parlamentaria nun contexto no que, explica, a presidenta "dixo que me contestaría" á petición de amparo. "Se ve que está reflexionando" e "vou esperar a que me conteste", explica, dende a advertencia de que, "como non nos sintamos amparados iniciaremos accións xudiciais, porque chove sobre mollado".

 

Bancadas da oposición, durante unha sesión de control CC-BY-NC-SA AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.