CxG insta a BNG e Anova a "colocar por riba os intereses de país" nas europeas

Executiva de Compromiso CC-BY-NC-SA CxG

"Poñer os intereses de país por riba dos propios". É a reclamación que o secretario xeral de Compromiso por Galicia (CxG), Xoán Bascuas, lles vén de lanzar ao BNG e a Anova de cara á conformación de candidaturas para as eleccións europeas de 2014. "Tras as informacións saídas nos últimos días nos medios de comunicación sobre a participación do Bloque nunha primeira xuntanza da Alianza Libre Europea coa vista posta neses comicios Bascuas pregúntase "se xa descarta" a conformación dunha "candidatura de país".

O líder da formación galeguista sinala que a posibilidade de elaborar unha candidatura galega para Bruxelas foi, precisamente, unha das cuestións abordadas "nunha xuntanza hai varias semanas" coa dirección a formación frontista. Nese encontro, di, "falárase dunha cadndiatura en clave de país, de carácter eminentemente cívico e aberta ao apoio das forzas políticas progresistas galegas". Pero agora, lamenta, "todo parece indicar que o Bloque Nacionalista Galego ten outras prioridades".

Bascuas subliña a necesidade dunha candidatura galega "pero parece que o BNG ten outras prioridades"

Nun sentido semellante Bascuas coida que, unha vez pasada a asemblea nacional de Anova, a organización encabezada por Xosé Manuel Beiras debera indicar xa "cal é a súa aposta", se "unha coalición onde o centro de gravidade sexa Madrid ou unha aposta forte e contundente pola candidatura cos centros de decisión en Galicia". Neste contexto, o secretario xeral de Compromiso chama as forzas galegas a "achegar todo o noso caudal político, social e electoral para termos unha voz propia e sen intermediarios" na Eurocámara. Esa candidatura, di, "debe ter tres piares básicos: a construción dunha Europa máis democrática e solidaria, a defensa do noso autogoberno e o abandono das políticas de austeridade".

Executiva de Compromiso CC-BY-NC-SA CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.