Pastor atopa no soterramento da liña a escusa para atrasar a chegada do AVE

Proxecto de Norman Foster para a nova estación de Ourense Dominio Público Praza Pública

Os populares no Goberno do Estado e na oposición en Ourense parecen ter atopado a escusa para demorar a integración da alta velocidade na cidade das Burgas e atrasar a unión de Galicia coa Meseta até o 2018. Unhas declaracións da ministra de Fomento, Ana Pastor, nun almorzo informativo este martes cualificando o custe da integración como “pouco razoable” ao cifrarse en 560 millóns de euros puxeron a colofón a declarada intención de revisar o proxecto xa aprobado polo anterior equipo do ministerio de Fomento.

Aínda que horas despois e dende o propio equipo de Ana Pastor se matizasen as súas palabras, o que ninguén pon en dúbida e que a teima dos populares por modificar a forma en que debe chegar o tren á terceira cidade de Galicia é xa unha realidade. Os populares ourensáns conseguiron arrancar o compromiso á ministra tras unha intensa campaña que comezou coa propia intervención da que hoxe é vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, cando visitou Ourense o pasado mes de marzo garantindo un novo estudo.

Unha vez que os conservadores se instalaron no Goberno, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, visitou a Pastor e arrincoulle o compromiso de estudar o soterramento da liña, alterando así a chegada en superficie. Esta intervención do líder ourensán do PP foi secundada polo portavoz municipal, Rosendo Fernández, quen manifestou que a entrevista de Baltar foi “acertada e pertinente fronte á actitude tancredista do alcalde”. Fernández foi máis alá ao explicar que “un novo estudo non atrasa a chegada do AVE e se hai que falar co demo pois fálase”.

A opción do soterramento foi desbotada polos propios técnicos de Fomento cando José Blanco era ministro. Os enxeñeiros do ministerio falaban de “risco de inundación por crecidas do Miño” e este mesmo venres a deputada socialista Laura Seara engadía que o custe se incrementaríase ata o millón de euros, superando o medio millón xa aprobado.

Porén, a postura dos populares galegos e ourensáns sobre a integración da alta velocidade na cidade non foi sempre a mesma e foi cambiando a medida que pasaban os anos. O 9 de maio de  2005 unha carta asinada polo daquela vicepresidente e conselleiro de Política Territorial, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde Manuel Cabezas, apostaba pola chegada en superficie. Esa mesma carta dirixida a Fomento ía acompañada dun estudo técnico da consellaría que dirixía Feijóo no que se dicía que “as posibilidades de integración mediante soterramento estaban condicionadas pola proximidade da estación Ourense-Empalme” e apostaba como única opción pola chegada en superficie.

A chegada dos socialistas ao goberno do Estado consolida a opción da chegada en superficie e os populares nun primeiro momento fan unha mínima alegación para cambiar de postura definitivamente unha vez que todo o proceso está en marcha e se achegan as eleccións municipais.


O alcalde de Ourense

O anuncio da ministra Pastor de que se estudará a fórmula do soterramento provocou a reacción do alcalde de Ourense, quen non foi recibido por Ana Pastor a pesar de remitirlle tres cartas, e dos socialistas. O rexedor, ademais de facerlle un convite á titular de Fomento para que explique a súa iniciativa, trata de refutar os argumentos de que o custe é elevado e aproveita para recordar que “hai tres meses que foi licitado o proxecto de estación deseñado por Norman Foster e non é certo que sexa cara, pois é a máis barata das galegas e a maior parte dos recursos son achegados pola propia cidade”.

A tamén deputada ourensá Laura Seara manifestou este venres que “detrás destas observacións está a decisión de paralizar a chegada do AVE”. Seara recorda que “neste momento están licitados o 80 por cento dos tramos e a inversión realizada polo Goberno é de 5.400 millóns de euros”. A dirixente socialista anunciou que o seu partido iniciará unha campaña en todas as institución públicas para dar a coñecer a decisión do Goberno de Rajoy e dirixirase ao Executivo para que disipe calquera dúbida sobre o futuro da alta velocidade en Galicia.

Proxecto de Norman Foster para a nova estación de Ourense Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.