"Temos a prensa máis atrincheirada e previsible de Europa"

Pereiro conversa coa presidenta da comisión CC-BY-SA Praza Pública

Poucas veces se fala de xornalismo no Parlamento, moitas menos aínda se se restan as ocasións en que o traballo dos e das profesionais da información é empregado como arma arreboladiza que guindar á cabeza do opoñente. Con todos os focos postos na comisión de investigación das caixas este xoves seguiu, paralelalmente, a discreta comisión de estudo para previr a corrupción, na que a quenda de comparecencia era para o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Xosé Manuel Pereiro falou de xornalismo ante uns deputados e deputadas pouco afeitos a coñecer de primeira man en que consiste tal oficio.

Pereiro compareceu aínda que a comisión teña como intención última "acabar cunha das razóns de ser da profesión", isto é, a corrupción, xa que o xornalismo é, en boa medida, "sacar á luz algo que alguén quere que non se saiba". Fronte a quen pensa que as corruptelas son poucas pero que os medios se encargan de amplificalas o titular do CPXG censura a "impunidade" da que gozaron estas prácticas. "As únicas penas que se impuxeron ata agora foron as de telediario" e, neste contexto, "unha xustiza con medos e unha prensa independente" serían os "piares fundamentais" para "acabar coa corrupción" ou, cando menos, "atenuala".

"As únicas penas que se impuxeron ata agora foron as de telediario"

Pero "escollemos mal momento para ter prensa libre", reflexiona o decano dos e das xornalistas do país. "Os empresarios da información convertéronse en empresarios da comunicación" e en Galicia escolleron "o poder da influencia", aínda que "esquecendo aquel consello de que un gran poder conleva unha gran responsabilidade". Todo isto, diagnostica, deu lugar a que teñamos "a prensa máis atrincheirada e previsible de Europa", cuns profesionais "precarizados, mal pagados e ateigados de traballo" mentres non son despedidos. "Non quedan moitos xornalistas nin moito tempo para facer investigación".

Pereiro advirte da "práctica reintrodución da censura" que prevé o Goberno central

A reclamación dunha Lei de Publicidade Institucional, da creación dun Consello Audiovisual de Galicia ou as críticas á "práctica reintrodución da censura" que prevé o borrador da nova Lei de Axuizamento Criminal salferiron unha comparecencia na que, ante os representantes políticos, Pereiro advertiu da necesidade de "preservar a presunción de inocencia", pero unha cousa e iso e outra, "quitarlle importancia ao delito en si coa escusa de que outros fan o mesmo ou peor".

E, que papel xogan neste mapa as axudas, subvencións e convenios? Este é un debate "no que ten que participar o Colexio de Xornalistas e o sector", unha "mesa sectorial" e un "consello que non hai" para que todas as achegas estean reguladas por "parámetros" transparentes. Pero, como isto non acontece, en Galicia cadaquén "seguiu tendo o seu chiringuito, a súa rotativa, o seu sistema de distribución". Mentres, na actualidade, non obstante, xa non se precisa das grandes empresas para facer xornalismo ou mesmo xornalismo de investigación. "Un tema como Corcoesto -exemplifica- practicamente non sae nos medios tradicionais, pero funciona dixitalmente". En todo caso, advirte, publícase "moitísimo menos" do "que hai", isto é, daquelas que alguén no ámbito do poder non quere que se saiban.

Pereiro conversa coa presidenta da comisión CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.