A reforma do Goberno central suprimiría o Valedor, o Consello de Contas ou Meteogalicia

O Valedor entrégalle o seu informe á presidenta do Parlamento © Parlamento de Galicia

Unha reforma da Administración que podería levar por diante o Valedor do Pobo, o Consello de Contas, Meteogalicia ou o Consello Galego da Competencia. Así se deduce da presentación que a vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, fixo este venres sobre a iniciativa que xa anunciara Mariano Rajoy. O Executivo pretende reformar 57 organismos públicos dependentes do Estado, pero tamén pon o foco nas autonomías, ás que non pode obrigar a eliminar institucións, pero ás que si pode presionar grazas ao poder que lle dá a situación económica pola que atravesan moitas e pola Lei de Estabilidade Financeira.

Sáenz de Santamaría asegura que esta reforma suporá un aforro de 37.700 millóns de euros para o conxunto da Administración. E dese total, para o Estado suporá unha redución dos seus orzamentos en 17.500 millóns entre 2011 e 2015, o que supón unha media de 3.500 millóns ao ano. O resto, suponse, sairía dos recortes nas autonomías, das que o Goberno central agarda que supriman 90 observatorios, todos os defensores do Pobo, todos os tribunais de contas, os órganos de defensa da competencia, as axencias de protección de datos, os institutos de opinión e ata as axencias meteorolóxicas.

A decisión final recaerá na Xunta, que estudará a proposta que chega desde Madrid

A decisión final sobre todas estas intencións de Madrid recaerá no Goberno de Feijóo, que xa adiantou que estudará a proposta para logo decidir se a leva a cabo ou non e en que medida. O Valedor do Pobo, o Consello Galego da Competencia, o Consello de Contas e ata Meteogalicia estarían en perigo de aplicárense fielmente a idea do Executivo de Mariano Rajoy, que sabe xa da opinión contraria que chegará de autonomías como Euskadi, Cataluña ou Andalucía.

O plan implicaría, tal e como recoñeceu Sáenz de Santamaría, a perda de emprego eventual en todos os organismos sobre os que se actúe, ben sexa na Administración estatal ou nas autonómicas. O obxectivo desta reforma, segundo a vicepresidenta, é que "o aparello institucional sexa máis racional e eficiente", pero, sobre todo, ter "unha Administración envorcada no xestionado".

O informe de expertos no que se basea esta reforma da Administración asegura que se aforrarían 30 millóns de euros anuais coa supresión dos once defensores do pobo autonómicos, que pasarían as súas competencias ao Defensor del Pueblo, dependente das Cortes Xerais e dirixido por Soledad Becerril.

O Valedor, nun acto público recente © Xunta
Xuntanza da conselleira de Facenda co Consello de Contas, nunha imaxe de arquivo © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.