A Xunta defende a continuidade de Meteogalicia

Hernández, durante a presentación dos orzamentos © Xoán Crespo

A Xunta defende Meteogalicia ante as intencións do Goberno central de eliminar a axencia como parte da reforma da Administración que vén de anunciar. O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, lembrou que o seu departamento "xa realizou un axuste importante" en Meteogalicia, un servizo que "é neste momento" a "referencia en información meteorolóxica" no país.

"A Xunta xa realizou un axuste importante en Meteogalicia", lembra Hernández

Así respondeu o conselleiro cando foi preguntado polo plan para racionalizar a administración presentado polo presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e que inclúe entre as súas recomendacións para reducir custos a supresión de servizos autonómicos como os de meteoroloxía, as axencias de enerxía ou os órganos de competencia, por ser entes que tamén existen na Administración estatal.

Malia defender a continuidade de Meteogalicia, Hernández louvou a "liña absolutamente correcta" seguida polo Executivo central "con respecto á optimización de servizos públicos", e volveu presumir de que Rajoy siga a senda "que xa desenvolve a Xunta desde 2009". Neste sentido, destacou que, no caso concreto da súa consellería, esta vía "está iniciada desde hai tempo", pois "está involucrada na fusión das do catro Xestur" nunha "única empresa" que "vai xestionar todo o solo empresarial da comunidade autónoma".

Meteogalicia pasou de 32 a 25 efectivos e reduciu os seus custos de funcionamento

Por todo isto, reiterou que, no caso do servizo de Meteogalicia, a Xunta "xa realizou un axuste importante da súa estrutura" ao pasar de "32 a 25 efectivos" e levar acabo "un axusto de persoal e de custos de funcionamento". "Estamos abertos a calquera optimización dos servizos que se prestan nas cidades", sinalou o conselleiro antes de facer fincapé en que "o que é incuestionable é que Meteogalicia é neste momento a referencia en información meteorolóxica" no territorio galego.

Hernández, durante a presentación dos orzamentos © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.