0 Gardados para despois

Bascuas: "Non basta con parar á dereita, hai que xerar un discurso alternativo ao do PP"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Xoán Carlos Bascuas é dende o pasado 11 de marzo secretario xeral de Máis Galiza, a antiga corrente do BNG, agora transformada en partido e fóra do Bloque. Mentres culmina o proceso interno da formación que encabeza, o que fora delegado da Consellería de Vivenda amósase partidario de iniciar un "diálogo" con outras forzas para concretar a "ilusión" que, asegura, percibe ante a posibilidade dun "novo espazo político". Ao tempo, expón a súa visión do acontecido no percorrido de +G dentro do Bloque.

Tentou Máis Galiza un xiro do BNG á dereita?
Máis Galiza o que tentaba era transformar o marco de relacións internas dentro do BNG e manter viva a pluralidade discursiva tanto interna como externamente. Se hai alguén que entendese que iso era xirar á dereita é quen pode concibir que o BNG en lugar de ser poliédrico no discurso tiña que ser un cristal dunha única cara. O BNG non naceu así, era unha fronte, e como tal tiña que ter esa pluralidade discursiva.

Ténselles acusado de ser malos perdedores, de “marchar porque perderon”, foi así?
Eu podo comprender que haxa xente que entenda iso. Pero a realidade das cousas é que non é a primeira vez que Máis Galiza perde unha asemblea. Non se pode negar que esta última Asemblea Nacional tivo un elemento extraordinario, que foi que houbo quen entendeu que tiña que ser unha asemblea de confrontación, como outras, pero co matiz de que tiña que ser de clarificación e redefinición. Toda redefinción, de seu, ten que ser exhaustiva e excluínte, ten que recoller todo aquilo que quere acubillar e ten que deixar fóra aquilo que entende que non pode facer parte diso. Cando unha asemblea se presenta nestes termos, non é difícil de entender que haxa xente que poida entender que está fóra dese concepto que se pretendía redefinir.

Despois da asemblea Máis Galiza chegou a facer algún intento para manterse nunha vía conxunta, dentro do BNG?

"O discurso que hoxe ten o BNG é lexítimo e democrático, amparado pola meirande parte da súa militancia"

Non me consta que se tentase facer ningún xesto para reconducir a situación despois da asemblea. Dito isto, hai que respectar  a democracia interna das organización. O discurso que a día de hoxe ten o BNG está amparado pola meirande parte da súa militancia, por unha maioría notable, e é lexítimo e democrático, iso é incontestable. Outra cousa é que antes da asemblea houbese unha expectativa de ir a un proceso que o propio Carlos Aymerich definiu como de mínimo común denominador e houbo quen persistiu na idea de que había que clarificar. A partir de aí, os xestos que tentaron reconducir isto foron por parte dun segmento de Máis Galiza e algunha persoa en concreto da Unión do Povo Galego, non houbo máis. E as boas vontades non se expresaron máis ca en palabras, non en xestos.

No seu Congreso constituínte comprometeron apoio político e legal aos cargos municipais que militaban en Máis Galiza e no Bloque, en que consiste ese apoio? En que punto está o proceso?
Esta semana tivemos unha xuntanza cos concelleiros para recoller a diversidade de casuísticas que existen no conxuntod o país, de concelleiros, deputados provinciais, alcaldes de pedanía e entidades mellores. Tentamos dar respostas o máis acaídas posíbel. O propio día da asemblea presentamos un informe aos concelleiros que quixeron participar e agora entramos máis en cuestións de matiz, de como proceder á hora de facer valer os seus dereitos como responsábeis institucionais.

Cabe un conflito do BNG en torno á devolución das actas dos edís?
Non. O que pretendemos é darlle a maior cobertura á xente. Na asemblea dixemos que non queriamos heroes e cadaquén sabe o contexto no que se ten que manexar, e eles son protagonistas da súa propia situación. Van ter o acubillo e o amparo da organización para o que precisen. Pero non saímos ao descampado de calquera xeito, imos poñendo un pé diante do outro.

Na súa asemblea crearon a figura do simpatizante, pensando en boa medida nestes casos...
Si, xa non é unha cuestión só legal, senón tamén de tempos. Hai que ver o contexto no que se manexan os concelleiros e como lle pode afectar ás súas relacións cos veciños e cos compañeiros e compañeiras da asemblea local.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

"Se non aproveitamos a oportunidade, é difícil que a xente manteña a ilusión"

Xa explicou que Máis Galiza non establecerá contactos formais para posibles alianzas ata o día 31. Pero non negará que hai unha especial efervescencia de contactos ao seu redor...
O que é innegable é que estamos vivindo un momento de ilusión moi grande. Eu había tempo que non vivía este rebulir tan intenso. E cando hai ilusión tamén hai ímpeto, e cando hai ímpeto hai premura. Hai que ter a man esquerda suficiente como para acougar o xusto e buscar respostas axeitadas. Eu tamén son lector de diarios e vexo que hai moitos ruxerruxes, maledicencias e bendicencias da xente. Pero o que importa é o que se vaia realizar e como se vai configurar o camiño entre os que estean dispostos a participar.

Como de ancha pode chegar a ser esa alianza? Vostede mesmo explicaba estes días que as coordenadas ideolóxicas de Máis Galiza son as da socialdemocracia...
A min gústame utilizar o termo "flexibilidade", máis nos tempos que corren, nos que é difícil fixar etiquetas, aínda que vivimos nun mundo no que a etiqueta, ao resumir, manda unha mensaxe máis direccta. Como de ancha? Establecer un corpo discursivo e os que esteamos de acordo, podemos participar. Hai lugares comúns nos que é difícil estar en contra. Quen pode estar en contra de defender o estado do benestar, de que pague máis quen máis ten e se lle axude máis a quen máis o necesita, dun modelo fiscal progresivo? Aí vai ser doado atoparnos moitos e moitas.

Nun coloquio con Xosé Manuel Beiras e Manuel Dios explicaba que falará con todo o mundo, pero que outra cousa é que todo o mundo “o convenza”. Quen non podería convencelo, onde está o límite?
Non hai ninguén. O diálogo non pode ser excluínte. Eu podo falar con todo o mundo, se alguén di algo co que non estou de acordo, direino. Se hai receptividade e confluencia, ben, senón tampouco pasa nada. Son momentos malos para a lírica, pero peores para o dogmatismo.

Dicía nese mesmo coloquio que “só hai unha oportunidade”. Por que o cre así?
Basicamente, porque se non se van materializando as respostas axeitadas ás expectativas e esa ilusión non se ve culminada en feitos satisfactorios vai ser difícil dar máis pasos adiante. Eu non sei se os tempos nos van acompañar para rematar todo o proceso e configurar unha alternativa partidaria ou organizativa antes do tempo que necesitamos para dar resposta electoral. Son camiños que se deben encetar de forma simultánea pero non sei se son converxentes. Se non se sabe aproveitar esta oportunidade é difícil que a xente manteña viva a súa ilusión para dar os pasos que hai que dar a continuación.

Como lle gustaría a Máis Galiza que fosen estes contactos? Fálase de asembleas abertas, de grupos de traballo...
É coñecido que se están a producir asembleas abertas promovidas polo Encontro Irmandiño e nas que participa quen queira participar e se sente cómodo, tamén está acudindo xente de Máis Galiza. Iso está ben, que haxa un espazo onde a xente faga convivir as súas ideas, iso é a democracia. Pero tamén é certo que a iso hai que darlle un artellamento organizativo. Explicábao perfectamente Beiras, non é pastelear nada por riba, pero tarde ou cedo ten que haber un acordo de direccións. Temos que falar entre todos, e esas conversas poden ser bilaterais ou multilaterais. Nós, ata o día 31 que teremos o Consello Político Nacional xa constituído, falaremos diso.

"Beiras ten un poder simbólico enorme e pode demostrar a xenerosidade que piden os tempos"

A fórmula que se artelle ten no horizonte as eleccións galegas. Con que expectativas?
Agora mesmo existe unha certa efervescencia que responde a algo. Estou vendo xente que coñezo de participar no BNG e outra que non vén de aí que se achega, que tenta saber como se vai conducir isto, busca respostas... Podemos identificar esa efervescencia coa demostración de que hai a reclamación doutro espazo político. Non sei que magnitude pode ter, eu espero que moita, e que ese espazo permita a recuperación de espazos que outros abandonaron. Desde +G tentamos darlle acubillo a toda esa xente.

Unha das críticas que lles chega é que van dividir o voto nacionalista e, polo tanto, lle van poñer as cousas máis doadas a Feijóo...
É unha crítica moi seria, pero eu faría a seguinte reflexión: hai catro anos, o PP gañou as eleccións cun nacionalismo unido. Durante dez anos, o nacionalismo perdeu 180.000 votos que non se dan recuperado, e tamén lle pasa ao PSdeG, que perdeu 250.000. Hai xente que xa non é que non se mobilice como o 15M, senón que o groso da xente pasa da política, sen máis. Hai que reilusionar esa xente e darlle a ver que hai unha opción política á que se pode acoller. Para tentar evitar un novo Goberno de Feijóo o que hai que facer é materializar esa alternativa , non perserverando no mesmo camiño que ata agora. Non basta con parar á dereita, que é unha expresión que non me gusta, o que teremos que facer é xerar un discurso alternativo ao do PP no que a xente se sinta identificada.

Se o proxecto se concreta, terán que falar de caras. Cal debe ser o papel de Xosé Manuel Beiras nesa posible alianza?
Beiras é unha persoa que pode demostrar a xenerosidade que piden os tempos. Creo que é un home que está preparado para todo e pode desempeñar o papel no nacionalismo que estime oportuno. Ten unha capacidade discursiva e unha ascendencia social que vai alén do estritamente electoral e político, ten un poder simbólico enorme. Calquera persoa nacionalista con dous dedos de fronte e que lle recoñeza os servizos prestados ao país, só pode ter palabras excelsas para el.

E unha cuestión menos inmediata e máis pragmática. Que vai pasar o 25 de xullo?
É unha data preciosa para facer moitas cousas.