0 Gardados para despois

A TVG paga unha factura de 36.000 euros por alumear a catedral de Santiago

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Hai dúas celebracións no ano nos que a fronteira entre Igrexa católica e Estado torna aínda máis difusa do que é habitual. O 25 de xullo e o 30 de decembro as autoridades galegas e estatais fan unha interpretación laxa dos preceptos constitucionais para acudir á catedral de Santiago e poñerlle voz ás reclamacións políticas e sociais non ante un mandatario, un tribunal ou un representante político, senón ante a figura do apóstolo Santiago. Son dúas ofrendas -a denominada ofrenda "nacional" e a ofrenda pola traslación dos restos- nas que un dirixente político -adoitan ser as persoas titulares da Presidencia da Xunta, da Presidencia do Parlamento ou da Alcaldía de Santiago- exerce de "delegado" do rei nunha cerimonia que noutrora xa protagonizaba o ditador Francisco Franco e que en Galicia son retransmitidas ao vivo pola TVG cunha achega de fondos públicos nada desdeñable.

A Televisión de Galicia vén de iniciar os trámites para contratar parte do dispositivo técnico que precisa para realizar esas retransmisións que, no caso do 25 de xullo, dan lugar a que nas primeiras horas do Día Nacional de Galicia a canle pública centre a súa programación en actos militares e relixiosos. Nomeadamente, a TVG licita por 30.500 euros máis IVE, isto é, por 36.905 euros, un servizo de "posta en marcha e recollida do material de iluminación necesarios para a gravación audiovisual dos eventos que se celebren e que terań lugar en diversas localizacións da cidade de Santiago de Compostela nos meses de xullo (25) e decembro (30)".

Os actos retransmitidos son a ofrenda ao apóstolo e a cerimonia da traslación dos restos

Sen mencionar abertamente as devanditas cerimonias, unha ollada aos documentos permite concluír que se trata das mesmas. Así, a TVG explica que os "eventos clasifícanse en dous módulos" para senllas "retransmisións". No primeiro módulo reclámase, por exemplo, unha mesa de iluminación para regular o alumeado na praza de Praterías e na Acibechería, "eslingas de seguridade para fixar todo o material a elementos estruturas da Catedral" ou un "elevador diesel de tesoira de 18 metros para subir o material dende o exterior á tribuna da catedral". No segundo o material e servizos reclamados son exactamente os mesmos, así como o "persoal técnico debidamente habilitado" para manexalos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.