Feijóo utiliza os papeis secretos das caixas para aferrarse á defensa da fusión

Feijóo, na sesión de control © Ana Varela

Derradeira sesión de control ao presidente no período de sesións, derradeira lea. Alberto Núñez Feijóo non se enfrontará de novo ás preguntas da oposición ata o mes de outubro e, antes do descanso, o presidente da Xunta tivo que atender algunhas das cuestións que veñen sendo lei motiv do seu segundo mandato, a saber: as malogradas caixas e a súa relación co narcotraficante Marcial Dorado. As caixas e, concretamente, a investigación sobre o que pasou con elas, foron, en boa medida, protagonistas dunha sesión que foi vítima dos danos colaterais da declaración de segredo que pesa sobre a documentación coa que traballa a comisión. Insinuacións, ameazas de revelacións e un presidente aferrado á defensa da fusión de Caixanova e Caixa Galicia apoiada, precisamente, nos documentos que a cidadanía ten prohibido coñecer.

"Malia aos atrancos que puxeron agora sabemos que todas as emisións de preferentes tiveron lugar con gobernos do PPdeG" reprochoulle o voceiro do BNG, Francisco Jorquera, quen cesura a "manipulación" gobernamental para que, por exemplo, este conflito non transcenda aos medios público sen toda a súa crueza. "Díxolle á cidadanía que o traballado que fixo KPMG era unha auditoría e é falso, é un caderno de vendas polo que vostede pagou 1,3 millóns de euros, co que mentiu dicíndolle ao noso país que recomendaba unha fusión das caixas; mentira, non a recomenda!", afirmou a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, quen reclamou "explicacións" e a fin das "mentiras".

"Mentiu dicíndolle ao noso país que KPMG recomendaba unha fusión das caixas; é mentira, non a recomenda"

Tanto Jorquera como Díaz e tamén o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, obtiveron como resposta parte dos datos que, supostamente, está prohibido revelar. Entre unha marea das xa habituais críticas ao bipartito e de alusións a unha suposta incapacidade da oposición para ler os documentos, o presidente mantivo que, "se lle interesase", a parlamentaria de Alternativa "tería perfectamente coñecido" que non só existe a "auditoría" encargada pola Xunta -que, segundo revelou Faro de Vigo, non recomendaba a fusión-, senón que "hai oito informes de auditoría", sete deles encargados polas propias entidades, que "propoñen" vías como "unha fusión con entidades de fóra", "modificar a lei para ampliar a idade dos consellerios das caixas" ou a propia "fusión galega".

"É unha pena que non tomemos en serio o que é serio", reflexionou Feijóo, en cuxa opinión AGE debera substituír os "insultos" por "traballar". "Vostede lería as auditorías" e "todas coincidían", di, en que "ningunha das caixas podía continuar" en solitario e "a única solución que tiñan era fusionarse, ou ben con tendidades de fóra ou ben tentar unha fusión para que haxa unha entidade financeira en Galicia". "Se en vez de ir de observadores van traballar seguro que se poden enterar de algo", espetou o xefe do Executivo antes de obviar o carácter secreto dos papeis para insistir en que "toda a información que ten Galicia está aquí". Xusto despois, para culminar, o líder da dereita desprendeu o seu goberno de toda responsabilidade no fracaso da fusión, descargándoa exclusivamente nos cambios normas e de esixencias de capital decididos polo Banco de España e polo Goberno de Zapatero. AGE, pola súa banda, comprometeuse a "divulgar" o contido da auditoría.

Feijóo, durante a sesión de control CC-BY-SA Praza Pública
Díaz cuestiona a Feijóo sobre as caixas CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.