0 Gardados para despois

A breve república galega chegou en tren

Redacción | @prazapublica

O 27 de xuño de 1931 a paralización das obras do ferrocarril entre Zamora e A Coruña provocaron un fenomenal descontento obreiro no entorno da provincia de Ourense, onde milleiros de persoas ficarían sen traballo no caso de que non fose retomada a construción do camiño de ferro. No medio daquel descontento grupos obreiros e galeguistas deron en proclamar a República galega. Ese Estado galego procedente da indignación obreira tivo á súa fronte a Antón Alonso Ríos e apenas durou unhas horas.

O documental analiza a "implicación entre liberación nacional e loitas obreiras no noso país"

No marco do octoxésimo aniversario deste episodio histórico a Fundación Moncho Reboiras-FESGA vén de publicar un breve documental que, ao longo de trece minutos, tenta amosar a "íntima implicación entre a liberación nacional e as loitas obreiras no noso país" a través da análise destes acontecementos. Coa coordinación de Manuel Mera e a realización de Bernal Rúa, a reportaxe documental conta coas explicacións dos historiadores Xerardo Dasairas e Uxío-Breogán Diéguez, que completan as explicacións incluídas na publicación impresa As folgas do ferrocarril Zamora-A Coruña de 1931-32, que a mesma fundación está a relanzar. 

A lembranza da brevísima República galega tivo de novo neste 2013 un compoñente festivo en Ordes. Organizadas polas asociacións culturais Foucelhas, Lucerna e Revoltaina Cultural da Beira de Bergantinhos, durante o pasado sábado celebráronse actividade como un aberto de billarda, unha repichoca literaria e varias actuacións musicais, como as de O Lei i Arremecághona ou Cé Orquestra Pantasma. Ademais, esta edición do evento serviu tamén para a "presentación da bandeira da República Galega".

A proclamación da República Galega en xuño de 1931

CC BY-SA Fesga

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.