A Xunta sae en tromba contra a CIG e na defensa da súa enquisa lingüística

Jesús Vázquez, conselleiro de Educación © Xunta

Feijóo xa o advertira. Aínda que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deixou claro que non cabe condicionar a presenza do galego nas aulas ao resultado dunha enquisa entre as familias, o Goberno galego ía seguir realizando tal inquérito. Non figurará no texto legal que esa enquisa é vinculante pero na práctica, si o serán. Como resultado desa decisión política o Goberno galego está xa a dar os primeiros pasos para realizar "consulta" entre os pais e nais. A alerta lanzábaa o pasado luns a CIG Ensino e a Consellería de Educación responde con dureza, cargando contra o sindicato e defendendo a enquisa a partes iguais.

Reproducindo unha práctica que os sindicatos censuran dende 2009 o departamento que dirixe Jesús Vázquez empregou a súa web oficial para cualificar de "antidemocrática" a "actitude" da CIG "ao tentar impedir que a Consellería reúna información sobre a lingua materna do alumnado de infantil, cuestión fundamental para garantir os dereitos do alumnado", di. Despois de que o sindicato instase o TSXG a facer que a Xunta cumpra a súa sentenza, a Consellería interpreta que a CIG "está a contradicir ou descoñece" a Lei de Normalización Lingüística, que "establece que os nenos teñen dereito a recibir o primeiro ensino na súa lingua materna".

Para a Xunta o único problema é a "negativa da CIG a que os pais e nais informen aos centros" coa " intención de impoñer a súa opinión"

Sempre segundo a versión gobernamental a "pregunta vén obrigada dende a aprobación" desta lei en 1983 "e o propio decreto 124/2007, do bipartito, establece no seu artigo 7" que "a lingua materna predominante será determinada polo claustro e que para o seu establecemento deberán terse en conta, entre outros, a información achegada polos pais e nais". Por todo isto a Xunta conclúe que "a pregunta realizada pola Consellería ás familias é legal" e "necesaria" xa que só persegue "coñecer cal é a lingua da que parten as nenas e nenos de infantil" para así "garantir os dereitos do alumnado e a axeitada promoción da lingau galega".

"Trátase dunha cuestión meramente informativa e non vinculante", di agora Educación, quen asegura ademais que "cumpre co compromiso de respectar as sentenzas a respecto do decreto do plurilingüismo". O problema para o Executivo só reside na "negativa da CIG a que os pais e nais informen os centros educativos de cal é a lingua que os seus fillos adoitan utilizar na casa". Porque esta central sindical, abonda a Xunta no seu comunicado oficial, ten a "intención de impoñer a súa opinión por riba de calquera outro criterio, legal e mesmo pedagóxico, intentando apartar as familias do proceso educativo, un principio este último firmemente defendido polas devanditas sentenzas". A Xunta reserva para a derradeira liña do parágrafo o único contido infromativo do comunicado: "está a elaborar as instrucións para o desenvolvemento do decreto", que "estarán en breve á disposición dos centros".

Jesús Vázquez, nun acto público recente © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.