0 Gardados para despois

Castellano: "Queremos devolver os cartos das preferentes, pero non podemos"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


José María Castellano, presidente de Novagalicia Banco, vén de recoñecer na comisión de investigación dos caixas do Parlamento que as preferentes "están mal comercializadas" e que se "enganou a xente", para a continuación aclarar que non é que a entidade non queira devolver os cartos, senón que "non pode" polas exixencias marcadas por Europa e a troika.

"A xente sofre e nós tamén. Nós queremos devolver os cartos desde o primeiro día, pero hai un acordo de Europa que nolo impide"

"A xente sofre e nós tamén. Nós queremos devolverlle os cartos desde o primeiro día, pero hai un acordo de Europa que nolo impide. É café para todos e non se pode aplicar un criterio distinto aquí que en Alemaña", insistiu Castellano, que engadiu que tamén as directrices comunitarias lle impiden continuar co arbitraxe, que está xa paralizada, tal e como despois recoñecería tamén o conselleiro delegado da entidade, César González-Bueno, en quen delegou unha explicación máis detallada sobre as preferentes.

"Aquí tamén sofren os empregados, non só porque comprasen preferentes, senón porque desde hai un ano non poden vivir, non poden saír á rúa e os seus fillos son marxinados nos colexios", insistiu Castellano, quen defendeu o seu plan de que sexan investidores estranxeiros os que compren Novagalicia "nunha poxa ou concurso público" e se amosou confiado en que o Banco de España, o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) e o Ministerio de Economía actuarán con "absoluta neutralidade".

Castellano defende a entrada de investidores estranxeiros "para manter un banco independente con sede en Galicia"

Ademais, explicou dous escenarios posibles para o futuro do banco galego: o de ser comprada por un grupo estatal ou o da entrada de investidores estranxeiros. Esta segunda opción, sostivo, permite manter "un banco independente con sede en Galicia". "Pódese facer boa banca en Galicia", reivindicou logo. "Estes fondos interesados non son fondos boitres", insistiu, tras pedir que a privatizaación "se faga canto antes". "Por que non imos esperar se hai interesados e o banco está saneado e é rendible?", preguntouse.

Ademais, indicou que a venda a outro grupo estatal provocaría unha redución do crédito e levaría despedimentos, así como unha xestión de riscos por parte de persoal da entidade adquirinte, co que a visión se separaría do territorio. Pola contra, a chegada de investidores foráneos, sostivo, sería "un impulso á imaxe do sector financeiro" e produciríase "a prezo positivo", o que "maximiza o valor do banco e minimiza a carga para o contribuínte".

"Nas cousas fixéronse dúas cousas mal: a expansión fóra de Galicia e meterse en negocios que deberían ter feito outros"

En canto á xestión das antigas caixas, Castellano cre que nas dúas entidades houbo "dúas cousas que se fixeron mal": "a expansión fóra de Galicia, en mal momento e de maneira precipitada, e as participacións industriais e o feito de meterse en negocios que deberían ter feito outros". Así, citou como exemplos do mal facer a compra dun terreo de Massó en Cangas ou dunha parcela do colexio Peleteiro de Santiago "para facer logo unha promoción inmobiliaria". "A caixa ten que dar crédito ao promotor, pero non meterse a promotor", dixo.

Por outra banda, Castellano cualificou de "eticamente reprobables" as indemnizacións millonarias cobradas polos antigos xestores das caixas e recoñeceu que Novagalicia Banco "sufriu unha saída de depósitos de 900 millóns a raíz de coñecer estas indemnizacións"

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

"Non cheguei a Novagalicia da man de Feijóo"

José María Castellano tamén revelou que, tras unha primeira entrevista con Enrique Tellado -directivo procedente de Caixa Galicia que chegou a ser director financeiro do banco-, en nome de José Luis Pego, recibiu unha chamada do que foi copresidente da caixa fusionada Julio Fernández Gayoso, quen lle expuxo entrar no proxecto.

O presidente de NCG Banco sostivo que non chegou á entidade "da man" do presidente da Xunta. "Eu non cheguei da man do presidente Feijóo", sinalou e relatou que se reuniu con Enrique Tellado na sede dun banco de investimentos estranxeiro en Madrid, nun momento que non concretou. "Díxome: mira, dinme se nos podes botar unha man para axudarnos a sacar o banco adiante", expuxo. A súa resposta, proseguiu, foi preguntar quen facía a petición e Tellado sinalou que acudía ao encontro "de parte de José Luis Pego", tras o que Castellano pediu que fose el quen contactase directamente.

Castellano recoñece que foron Pego e Gayoso os que lle pediron entrar en NCG

"Pego non me chamou e ao cabo dun mes, ou así, chamoume Julio Gayoso e expúxome o tema. A partir de aí, falei co Banco de España porque dixen: eu quero vir e non ser polémico, porque creo que a polémica neste caso é mala; que todos esteamos de acordo en manter unha entidade financeira en Galicia e independente", sinalou e afirmou que o regulador lle deu "o OK".

"Falei co señor Feijóo e díxome: tes o OK; falei co partido do goberno naquel momento, o PSOE, e díxome: tes o OK", continuou e xustificou que ante este acordo político chegou a NCG a "botar unha man".

González-Bueno: "A arbitraxe finalizou e así vai permanecer"

O conselleiro delegado de Novagalicia Banco, César González-Bueno, confirmou este venres que a entidade decidiu "finalizar" o proceso de petición de arbitraxe para afectados por participacións preferentes e obrigacións subordinadas e agregou que "así vai permanecer", tras defender que o "problema" nos casos "máis flagrantes" foi "resolto".

Na comisión de caixas rememorou a "durísima negociación" coa Comisión Europea (CE), co "apoio" da Xunta, para permitir a vía arbitral e salientou que na comunidade o problema das preferentes, o "máis duro" co que se atoparon os xestores do banco "solucionouse mellor que en ningún outro lugar de Europa.

González-Bueno repasou os criterios de cobro, antes de incidir en que os casos sociais "máis flagrantes" están "resoltos". "A cifra é inapelable, vanse a recuperar o 84% dos fondos", remarcou, antes de lembrar que 17.000 afectados "nin sequera pediron" a vía arbitral. "Deben pensar que a venda se fixo de forma razoable", reflexionou.