Só o PP lles escribe a Currás e Almunia

Comparecencia de Feijóo na comisión das caixas no Parlamento de Galicia © Xoán Crespo

Primeiro descafeinouse a transparencia dos documentos e despois, a petición de explicacións. A negativa da ex conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, e do comisario da Competencia, Joaquín Almunia, a comparecer na comisión de investigación das caixas -o ex gobernador do Banco de España tampouco acudiu, pero dixo estar disposto a facelo noutra data- baixou aínda máis o perfil deste órgano parlamentario que ameaza, cada vez máis, con ter nulas consecuencias prácticas alén de que a cidadanía tivo a ocasión, por primeira vez, de ver como se explicaba o antigo señor de Caixa Galicia, José Luis Méndez. Malia estes condicionantes o partido que sustenta o goberno segue adiante cos seus plans, agora para que os incomparecentes conten por escrito case o que consideren oportuno.

O pasado día 3 o Grupo Popular rexistrou na Cámara senllos cuestionarios dirixidos á que fora primeira responsable das contas públicas con Feijóo e mais a Almunia. Ningún grupo máis fixo tal. PSdeG, AGE e BNG non participaron do proceso ao considerar que as respostas escritas non poden substituír unha comparecencia en comisión. As protestas foron especialmente contundentes pola banda de Alternativa e do Bloque. No caso do grupo que encabeza Francisco Jorquera as queixas traducíanse este luns nunha solicitude de amparo ante a presidenta, Pilar Rojo, a quen reclaman que inste a Currás e a Almunia a que comparezan.

A oposición non participa dos cuestionarios ao considerar que un escrito non pode substituír unha comparecencia no Parlamento

A encomenda que si cumprirá Rojo é a que lle realiza o presidente da comisión, Miguel Santalices, que xa lle achegou os cuestionarios que xa non son do PP, senón de todo o Parlamento, malia seren aprobados só cos votos dos conservadores e sen variar unha coma da proposta inicial. Así, a ex conselleira e actual secretaria de Estado de Orzamentos terá que responder a unhas preguntas que non lle resultarán especialmente incómodas. Así, os populares anímana a afondar na tese exposta polo presidente da Xunta e pregúntanlle se "no proceso de traspaso de poderes en 2009 recibiu información do seu predecesor sobre a delicada situación das caixas", tamén a cuestionan por "cal era a situación das entidades" e pregúntanlle se "cre que poderían ter seguido en solitario" ou liderar algún proxecto fóra de Galicia.

O PP pregúntalle a Almunia esencialmente pola súa opinión e non por feitos constatables

O momento en que a Xunta "se decide a apoiar unha operación corporativa entre as dúas caixas", "cando e por que se contrata a due dilligence con KPMG", se o Banco de España "informou a fusión" ou "por que non se puido consolidar o proxecto" son outras das preguntas incluídas nun cuestionario sensiblemente máis amable que o que lle envían a Almunia. Na misiva dirixida ao que fora candidato do PSOE o PP e por extensión, a comisión, pregunta "por que ás entidades con axudas públicas se lles impide realizar os trocos de instrumentos híbridos [como as preferentes] de maneira idéntica aos efectuados polo resto de entidades. Tamén lle preguntan se "non considera lóxico" que, dado que as axudas públicas á banca "se xustifican na protección dos depósitos dos impositores", esta protección "incluíse tamén os minoristas" con híbridos.

Nun sentido semellante, e case sempre interesándose polo ámbito da opinión, os conservadores queren que Almunia explique se considera "excesivas" as "restricións impostas ás entidades nacionalizadas", ata o punto de "impedir o seu normal funcionamento" e se cre que as condicións impostas a bancos como Novagalicia "poden prexudicar a economía das rexións e o seu crecemento". Unha "valoración do sistema da arbitraxe posto en marcha pola Xunta" para afectados polas preferentes ou unha opinión sobre "que fallou na comercialización" das mesmas son outras das preguntas dun cuestionario no que o PP só pide saber un feito: "as xestións realizadas pola Xunta de Galicia e NCG Banco" para "solucionar o problema da comercialización idebida de produtos híbridos mediante o sistema da arbitraxe".

Comparecencia de Feijóo na comisión das caixas no Parlamento de Galicia © Xoán Crespo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.