O TSXG dálle 20 días á Xunta para que explique por que teima na enquisa lingüística

O conselleiro de Educación, nun acto público recente © Conchi Paz

A Xunta ten vinte días para convencer o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de que a enquisa lingüística que xa repartiu entre os centros de ensino non vai contra as sentenzas coas que o alto tribunal galego ilegalizou parte do decreto do plurilingüismo. Os xuíces deixaron claro que o Goberno galego non pode condicionar o reparto de materias entre linguas en función da opinión das familias por ser, preciscamente, unha competencia da Administración pero o propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, xa avanzara que, na práctica, ese condicionamento seguiría existindo. Agora, ao Executivo tócalle explicarse de novo ante os tribunais.

Ese emprazamento chega despois de que a CIG-Ensino, unha das entidades que recorreu o decreto, presentase un "incidente de execucion de sentenza" ante o TSXG. A central nacionalista empraza o tribunal a "executar a sentenza ditada no seu día contra o decreto 79/2010", nomeadamente no que atinxe á anulación do artigo 5.2, "no que se estipulaba a realización dunha enquisa entre os pais e as nais en Educación Infantil vinculante para determinar a lingua do ensino na Educación Infantil".

O TSXG admite a trámite o "incidente de execución de sentenza" presentado pola CIG-Ensino

O tribunal admite a trámite a petición da CIG ensino e agora a Xunta ten 20 días "para que a Consellería alegue o que estime procedente", explican. O sindicato, no seu escrito, "solicita a nulidade da actuación de Educación por contravir a sentenza firme do TSXG, nun acto de desobediencia á Xustiza, dando mostras unha vez máis da súa galegofobia e dunha actitude de persecución do noso idioma". Para o secretario xeral nacional da central, Anxo Louzao, esta admisión a trámite é "positiva". Agora, di, "agardamos que se dite unha resolución que poña fin a esete novo intento do conselleiro para atentar contra a nosa lingua".

Estas actuacións xudiciais chegan despois de que tanto Feijóo como Jesús Vázquez xa asegurasen que "a consulta pódese facer igual pero será a Administración a que terá a capacidade de decidir unha vez que se escoite as familias", en verbas do conselleiro. Segundo o presidente "a sentenza non impide" a enquisa, senón que "impide que sexa obrigatoria no seu resultado". "Seguiremos facendo as consultas, pero non producen efectos legais de forma inmediata, porque a sentenza o impide", pero "será determinante para que nós adoptemos unha decisión ou outra", advertiu o pasado marzo

O conselleiro de Educación, nun acto público recente © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.