5 millóns para que o AVE pare nunha vila de 26 habitantes, pero non é un desbalde

Recreación da "estación" de Otero de Sanabria Dominio Público Adif

“Unha estación que se ubicará na localidade de Otero de Sanabria” cun orzamento de 5,1 millóns de euros. Esa é a licitación que vén de anunciar este luns Adif, a empresa pública xestora da rede ferroviaria e que está a construír o AVE a Galicia. Otero de Sanabria é unha poboación que segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE) conta con 26 habitantes e pertence ao municipio de Palacios de Sanabria, cun total de 260 habitantes. Porén, o Ministerio de Fomento non vai gastar 5,1 millóns de euros para levar o AVE a esa vila. Non só.

Adif licita a “estación de Otero de Sanabria”, unha instalación de seguridade cun custo moi por baixo do que supón cada quilómetro da alta velocidade

A finais do pasado ano numerosos medios de comunicación fixéronse eco do que presentaron como un exemplo máis do desbalde do AVE, nomeadamente do galego. Porén, a “estación” de Otero de Sanabria é máis que iso.

Con independencia do custo, a “estación” de Sanabria é unha necesidade técnica e de seguridade. É o que se denomina Posto de Adiantamento e Estacionamento de Trens (PAET), espazos que a normativa obriga a habilitar cada certos quilómetros con vías secundarias nas que os trens poden apartarse das vías principais para regular a circulación ou parar en caso de emerxencia. Contan con apeadeiros para o caso de que tivesen que evacuar a pasaxe, así que a “estación” non é máis que unha edificación de pouco porte que se lle engade a ese PAET, que é o que se leva o groso deses 5,1 millóns. Noutras liñas ferroviarias, as propias estacións de cidades intermedias poden facer ese servizo, pero na liña a Galicia non hai ningunha cidade na que parar nos douscentos quilómetros que separan Zamora de Ourense.

A normativa obriga a habilitar Postos de Adiantamento e Estacionamento de Trens (PAET) con apeadeiros para o caso de ter que evacuar a pasaxe dun tren

Non todos os trens que circulen pola vía de alta velocidade entre Madrid e Galicia serán AVE, e non todos terán parada comercial en Sanabria, polo que a "estación" non reducirá a velocidade dos primeiros pero si facilitará a circulacion e uso dos segundos. Ademais, a “estación”, o edificio a maiores co que se busca facer rendible a necesidade de construír o PAET, non só prestará servizo a unha vila de 26 habitantes, do mesmo xeito que estación de Camp de Tarragona non só presta servizo aos 1.500 que viven en La Secuita, a localidade veciña da cidade de Tarragona na que se sitúa. A comarca de Sanabria é unha das de maior atractivo para o turismo de natureza de Castela e León, e a “estación” estará a pouco máis de 20 quilómetros da fronteira con Portugal, de onde tamén se prevé que capte pasaxeiros. A dotación de servizos ao rural para evitar o seu despoboamento podería ser outro dos argumentos en defensa dunha parada intermedia entre Zamora e Ourense.

O debate e as críticas sobre o custo do AVE seguirá aberto, pero ningún dos principais argumentos enfrontados cuestiona a necesidade técnica de construír o PAET de Sanabria

Por outra banda, cada quilómetro do AVE, en Galicia ou no resto do Estado, custa moito máis que eses 5 millóns de euros. Só a construción da plataforma, os noiros, túneles e viadutos, sen ter en conta as vías e instalacións técnicas que despois se superpoñen, oscila entre os 5 e os 15 millóns de euros, segundo a propia Adif. Unha cifra que pode chegar ata os 50 millóns por quilómetro no caso dos grandes túneles. O debate e as críticas sobre o custo do AVE seguirá aberto. Pero ningún dos principais argumentos enfrontados cuestiona a necesidade técnica de construír o PAET de Sanabria.

Nota de prensa de Adif na que anuncia a "estación de Otero de Sanabria Dominio Público Adif

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.