CxG celebrará os seus actos no 25 de xullo baixo o lema "O futuro é compromiso"

Imaxe dos actos de CxG no 25 de xullo © CxG

Compromiso por Galicia desenvolverá as actividades correspondentes ao día 25 de xullo, Día da Patria Galega, no parque de San Domingos de Bonaval de Santiago de Compostela, e que terá como elemento central, ás 13 horas, un acto político que contará coa intervención do Secretario Xeral da organización galeguista, Xoán Bascuas. Entre o programa de actividades destaca tamén unha ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres ás 12 horas e xa na sesión de tarde o concerto de Os Perucos e Narf, ademais do monólogo de Evaristo Calvo. Igualmente desenvolverase un xantar de confraternidade e no que haberá habilitada unha zona infantil.

Segundo Xoán Bascuas, o lema deste Día Nacional de Galicia quere transmitir “que o futuro pasa polos homes e mulleres comprometidos e comprometidas co seu país, que traballan arreo para sacalo adiante e que defenden o seu autogoberno e queren uns servizos sociais á altura dos mellores de Europa”. Bascuas indica que “esa é cidadanía que debe protagonizar este día, que quere conmemorar unha xornada festiva e sempre reivindicativa como é o noso Día da Patria co orgullo de ser galegos e galegas”.

Imaxe dos actos de CxG no 25 de xullo © CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.