Morre Anxo Guerreiro

Anxo Guerreiro, nun acto da asociación cultural Namentras © Namentras

Anxo Guerreiro faleceu esta madrugada aos 67 anos de idade. Geluco, referente da esquerda en Galicia nas últimas décadas, foi deputado do PCG na primeira lexislatura do Parlamento Galego, e recuncou en 1997 con Esquerda de Galicia, grazas a unha coalición co PSdeG.

Naceu nunha aldea de Xermade (Lugo) en 1945 pero criouse en Lugo coa súa familia, onde cursou os seus estudos e coincidiu con Xesús Alonso Montero. Comezou a militar no Partido Comunista na súa época de estudante univiersitario en Compostela, coincidindo con Pancho Álvarez-Fontenla, Vicente Álvarez Areces, Rafael Bárez e Arturo Reguera. A situación esixiulle asumir responsabilidades no lanzamento do PCG, baixo o pseudónimo de Jacobo, canda outras persoas da Coruña, moi novas coma el: Xan María Castro Paz, Manuel Villares, Teresa Varela ou Enrique Veira. En 1971 era membro do Comité Central e do Secretariado do PCG, e responsable de Organización. A súa actividade clandestina levouno ao cárcere en tres ocasións, unha delas mesmo na véspera da súa voda.

En 1979 foi elixido secretario xeral do PCG, sucedendo a Rafael Pillado, e ao histórico Santiago Álvarez. Como representante do PCG, foi un dos membros da Comisión dos 16 que redactou o Estatuto de Autonomía de Galicia. A partir de 1986 Guerreiro compaxinou a dirección dos comunistas galegos coa figura de coordinador xeral de Esquerda Unida en Galicia. 

En 1997, acordou acudir ás eleccións autonómicas en coalición co PSdeG-PSOE, algo que foi desautorizado pola dirección federal de EU, liderada por Julio Anguita. A dirección federal impulsou unha candidatura baixo siglas propias, ante o que Guerreiro abandonou Esquerda Unida creando Esquerda de Galicia (EdeG), disolta en 2002. En 2007 foi homenaxeado en Compostela, nun acto organizado pola Fundación 10 de Marzo, que buscaba recoñecer o seu labor "na loita polas liberdades durante a ditadura e na consecución da autonomía para Galicia". Daquela, Guerreiro destacab que "Moisés non entrou na Terra Prometida, pero hai Terra Prometida".

Praza entrevistouno en maio do pasado ano, nunha conversa na que Anxo Guerreiro se amosou moi crítico con Alberto Núñez Feijoo e o Partido Popular, pero tamén autocrítico coa situación da esquerda en Galicia. Pedía "que a socialdemocracia europea deixe de executar un proxecto que non é o seu, que é un programa neoliberal" e tamén a unidade "do conxunto das esquerdas plurais" e a renuncia a "reticencias ou sectarismos".

Naquela entrevista denunciaba que "os poderes financeiros e as grandes corporacións están aproveitando a crise para acabar co que eles chaman 'excepción europea do capitalismo', que é o Estado social". E advertía de que "a xente está reaccionando, mira o que pasou en Francia, mira o que pasou en Grecia, onde os dous grandes partidos están desfacéndose, igual que pasou en Venezuela nos noventa, cando os dous partidos maioritarios, despois dun espolio masivo e continuado da riqueza do país, foron case eliminados". Tamén sinalaba que "ou cambiamos o modelo económico e produtivo ou Galicia e España desaparecen do mapa" e concluía que "ante os recortes, ou hai unha alternativa de esquerdas, ou hai lei e orde e unha alternativa autoritaria".

O seu velatorio terá lugar en Servisa, na Coruña. Os seu restos serán incinerados a partir das doce e media do mediodía no cemiterio de Feáns

 

Reaccións

CC.OO. lembra Anxo Guerreiro como "un líder da esquerda nacional" e "figura central na historia recente do noso país"

CC.OO. lembra Anxo Guerreiro como "un líder da esquerda nacional" e "figura central na historia recente do noso país" e destaca que foi "protagonista" nas últimas décadas, "co compromiso e a intelixencia imprescindibles para afrontar os retos políticos que se sucedían, coa pegada propia das persoas imprescindibles que pouco e pouco van marchando, pero que deixan un insubstituíble legado político e persoal". O sindicato lembra as súas palabras, nas que facía balance da súa traxectoria política e persoal: "Fun coherente coas miñas ideas e cumprín. Independentemente das consecuencias que trouxera, defendín as miñas ideas dentro e fóra do Partido con paixón e nunca renunciei a elas por ningunha outra cousa; con desgustos, naturalmente, pero a vida sen desgustos tampouco é a vida, sería unha vida irreal. Coñecín a moita xente coa que me relacionei, non só no partido, por suposto, tamén na esquerda en xeral e da mellor xente que eu coñezo na sociedade española e na sociedade galega. En resumo, fun feliz".

Esquerda Unida lamenta o falecemento dun "político brillante, intelixente e de grande dialéctica", do que destaca "o seu compromiso pola defensa dos dereitos e da liberdade" na loita na clandestinidade contra o franquismo e que "foi un home comprometido coa loita da esquerda e que pasou pola cadea coma moitos compañeiros e compañeiras que pelexaron contra a ditadura". Alternativa Galega de Esquerda (AGE) expresou o seu "pesar" pola morte de Guerreiro, do que destaca que "nunca abandonou o campo da esquerda" que "sempre buscou vieiros practicábeis para a esquerda deste país". Pola súa banda, Espazo Ecosocialista lamentou a súa perda e destacou o impulso de Guerreiro á coalición Unidade Galega-Esquerda Unida, a comezos dos noventa, "a primeira experiencia de transversalidade da esquerda nacional na convivencia entre a esquerda nacionalista e a esquerda estatalista".

O BNG lamenta o pasamento político, "un dos más grandes e importantes referentes da esquerda nas últimas décadas", e a través de Francisco Jorquera, vén de destacar que “hoxe é un día  triste para Galiza coa perda dun compañeiro de traballo político que sempre loitou polas liberdades e a xustiza social”.  Mentres, o PSdeG-PSOE, a través de Pachi Vázquez, sinala que “perdemos hoxe a un dos políticos e intelectuais mais comprometido coa democracia e cos dereitos dos traballadores e das persoas mais desfavorecidas” e conclúe que "Galicia queda orfa dunha personalidade relevante da nosa historia recente”. Os socialistas destacan o seu papel como “referente para Galicia e nomeadamente a esquerda galeguista”. Finalmente, Compromiso por Galicia quixo lembrar o súa labor na redacción do Estatuto de Autonomía, destacando o seu carácter galeguista “na defensa da nosa identidade e do noso autogoberno, sendo un traballador incansable na procura do recoñecemento nacional para Galicia”, ademais da súa defensa “dos valores democráticos e progresistas, que compartimos plenamente con el”.

 

Camilo Nogueira: "Eramos como irmáns"

“Se tivera que buscar unha persoa coa que me identificaría eu no comportamento humano e político, sería con Geluco. Sería a persoa que a min me gustaría imitar"

Camilo Nogueira compartiu traballo, loita política e amizade durante décadas con Anxo Guerreiro, e amosaba esta mañá a súa tristeza polo seu pasamento e a súa admiración por Geluco: “se tivera que buscar unha persoa coa que me identificaría eu no comportamento humano e político, sería con Geluco. Sería a persoa que a min me gustaría imitar. Cando estabamos xuntos e falabamos eramos como irmáns, tiñamos unha sintonía tremenda para analizar o fondo de todos os problemas de Galicia coma do mundo. Galicia perdeu unha gran persoa, aínda que o traballo que fixo non se perde”.

Tamén salienta o esforzo que a finais dos 70 levaron a cabo par dotar Galicia dun autogoberno de primeiro nivel: “Gústame recordar que xunto con Ceferino Díaz, estabamos os tres nas Cortes, en Madrid, en 1979 cando se quixo aplicar o aldraxante recorte ao Estatuto de Autonomía. E fomos os tres os que demos a orde aos nosos compañeiros en Galicia para facer a gran manifestación que despois reverteu totalmente a situación”. E destaca igualmente os espazos políticos nos que coincidiron: “Estivemos xuntos no Parlamento e fixemos unha coalición entre Esquerda Unida e Unidade Galega, coa que buscabamos integrar Esquerda Unida no noso proxecto nacional galego”

Anxo Guerreiro, nun acto da asociación cultural Namentras © Namentras
Guerreiro, con Camilo Nogueira, na primeira lexislatura do Parlamento Galego Dominio Público Praza Pública
Guerreiro, despois da homenaxe que recibiu en 2007 CC-BY-SA Hardebits

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.