0 Gardados para despois

Non destinar o superávit aos bancos, máis grave para Rajoy que cometer abuso de autoridade

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Despois do anuncio, a letra miúda. Tres días despois de que a vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría anunciase os trazos máis mediáticos da primeira Lei de Transparencia de ámbito estatal o Goberno central vén de facer público o contido íntegro do anteproxecto. Pendurado nunha web que permite realizar achegas cidadás o texto articulado serve para confirmar que a nova normativa terá, en boa medida o papel de sostén sancionador da ríxida regulamentación que o gabinete de Mariano Rajoy está a aplicarlles ás finanzas públicas. Se na Lei de Estabilidade a política económica e financeira do Estado se consagra ao control do déficit e ao pagamento da débeda, coa Lei de Transparencia lánzase unha advertencia ao conxunto de xestores públicos: tal e como ten detallado Praza Pública, os gobernantes que non destinen o superávit das súas contas -cando chegue- a pagar débeda, isto é, a abonar cartos á banca, serán sancionados.

Pero se a mera imposición de sancións por esta circunstancia é xa indicativa non o é menos a súa comparación con outras infraccións que tamén estarán incluídas na normativa de transparencia e que resultan toda unha novidade no escenario político do Estado. Atendendo ao anteproxecto, todas as posibles infraccións "en materia de xestión económico-presupuestaria" son, por defecto, "moi graves". Entran neste apartado, pore xemplo, "o incumprimento deliberado" de achegar o superávit das contas públicas a pagar débeda, a "non formulación dun plan económico financeiro" para recortar o déficit ou a "non atención ao requerimento do Goberno" do Estado para cumprir os propios obxectivos de estabilidade orzamentaria.

O abuso de autoridade, un tipo de prevaricación administrativa, será "grave", pero todas as posibles infraccións económicas serán "moi graves"

Fronte a isto, no apartado de "infraccións disciplinarias" non todas teñen a mesma importancia. Nomeadamente, o anteproxecto estipula que, mentres que será "moi grave" non ser ríxido no pagamento das débedas bancarias, será só "grave" o "abuso de autoridade no exercicio do cargo" -o abuso de autoridade é un tipo de prevaricación administrativa, tipificado no Código Penal- ou a "emisión de informes e adopción de acordos manifestamente ilegais". Do mesmo xeito, son "leves" a "incorrección cos superiores, compañeiros ou subordinados" e o "descuido e neglixencia no exercicio das súas funcións". Non obstante, no apartado disciplinario si hai lugar para as infraccións "moi graves". É o caso, por exemplo, o "incumrpimento do deber de respecto á Constitución" e aos Estatutos de Autonomía, a "discriminación" por raza, sexo, idade, orientación sexual, lingua ou opinión, entre outros factores, a "obstaculización ao exercicio das liberdades públicas e dereitos sindiacias", a "realización de actos encamiñados a coartar o libre exercicio do dereito de folga", quebrantar os servizos mínimos ou o "acoso laboral".

Para as infraccións moi graves a Axencia Estatal de Transparencia, Avaliación das Políticas Públicas e de Calidade dos Servizos poderá impoñer diversas sancións, que van dende a "declaración do incumprimento e a súa publicación no Boletín Oficial do Estado" ata a "destitucións nos cargos públicos" ou a inhabilitación "durante un período de entre 5 e 10 anos".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Quen cala non outorga nada

Se ben o réxime sancionador introduce importantes novidades, na estrita materia de transparencia, isto é, na publicidade da actividade interna das Administracións públicas, os avances son parciais, algo que acontece con especial intensidade no caso de Galicia, xa que a Xunta está suxeita á súa propia Lei de Transparencia dende o ano 2006. Así, por exemplo, a norma estatal só obriga a facer públicos os contratos das diferentes Administracións unha vez que sexa adxudicados, cando en Galicia teñen que selo dende o inicio da súa tramitación. Igualmente, a nova normativa obrigará a publicar en Internet todos os convenios subscritos, algo que a Xunta xa fai a través do Rexistro de Convenios, e a detallar as retribucións dos altos cargos, que en Galicia tamén acontece.

No caso galego a principal novidade virá pola banda das subvencións. Unha vez que entre en vigor o texto presentado polo Goberno de España terán que ser públicas as "subvencións e axudas públicas concedidas con indicación do seu importe, obxectivo ou finalidade e beneficiarios". Neste capítulo entraría tamén a obrigatoriedade de elaborar "a información estatística necesaria para valorar o grao de cumprimento e calidade dos servizos públicos que sexan da súa competencia".

A norma estatal só obriga a publicar os contratos adxudicados, en Galicia xa é pública toda a súa tramitación desde 2006

Xunto aos datos publicados en Internet outro dos aspectos que o Goberno central situou como máis novidosos son os relacionados coa posibilidade de que calquera cidadán poida reclamar información que estea en poder das Administracións públicas. Neste caso, a expectativa sobre o "dereito de acceso" fica notablemente limitada ao coñecer o texto íntegro do anteproxecto xa que, por exemplo, queda a criterio da Administración interpretar cando certos datos afectan á "intimidade" dun cargo público. Do mesmo xeito, a lei apóiase na discutida figura do silencio administrativo, de tal forma que se "transcorrido o prazo máximo para resolver" unha petición de información -un mes, prorrogable nalgúns casos a dous- sen que se ditase e notificase resolución expresa entenderase que a solicitude foi desestimada".