Unha morea de actos polo Día da Patria en Compostela

Celebración do Día da Patria en Compostela CC-BY-NC-SA dorfun

O Día da Patria volve xuntar en Compostela unha morea de actos nacionalistas. Todas as formacións soberanistas -desde o galeguismo ata o independentismo- celebran na capital de Galicia a súa xornada reivindicativa, que enche as rúas e prazas de manifestacións, actos políticos e xantares populares xa desde o día previo. BNG, Anova, Compromiso por Galicia (CxG), Causa Galiza, Nós-UP, Espazo Ecosocialista, así como as mocidades da esquerda nacionalista celebran o seu día grande.

Oito organizacións xuvenís soberanistas maniféstanse conxuntamente na noito do 24 de xullo

Os actos comezarán xa na tardiña deste vindeiro mércores 24, cando Galiza Nova realizará un acto de homenaxe a Rosalía e a Castelao no Panteón de Galegos Ilustres en San Domingos de Bonaval. Participará Xavier Vence e tamén o secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, e despois haberá unha actuación musical a cargo dos cantautores Tino Baz e Alba Rodríguez e do gaiteiro Xosé Manuel Sánchez Rei.

Pola noite, oito organizacións xuvenís (Adiante, Agir, AMI, Briga, Comités, Galiza Nova, Isca! e Liga Estudantil Galega) celebrarán xuntas unha manifestación que sairá ás 20 horas desde a Alameda compostelá e baixo o lema Mocidade galega erguendo o seu futuro, independencia. Será unha mobilización unitaria "para rexeitar o marco xurídico-constitucional vixente e reivindicar para Galiza a plena soberanía".

Nesa mesma noite, a partir das 22.30 horas, o Campus Universitario Sur de Compostela acollerá unha nova edición do Festigal, no que actuarán os Festiculturores, Nao, Sés e A Quenlla. O festival continuará no Día da Patria coas actuacións do Mago Antón, García MC, Grampoder, Os da Ría, Habelas Hainas e Tempo Catro.

Ainda no 24, tamén no Campus Sur da USC mais neste caso no aparcadoiro da Facultade de Enxeñaría Química, BRIGA continuará coas actividades da IX Jornada de Rebeliom Juvenil, con catro concertos que comezarán ás once da noite: os rapeiros vigueses de Rebeliom do Inframundo, os coruñeses Os Tres Trebons, dende Valencia chegarán Atzembla e os concertos rematarán con Fracasados de Antemano.

O Bloque chama a manifestarse na súa tradicional marcha desde a Alameda e baixo o lema 'Galiza pola soberanía'

Xa o xoves 25, e desde o mediodía, será a quenda para as diferentes organizacións políticas. O Bloque Nacionalista Galego celebrará a súa manifestación, que partirá tamén da Alameda ás 12 do mediodía e que rematará na praza da Quintana coa intervención do voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, así como doutros representantes da formación e na que terán voz tamén os afectados polas participacións preferentes, desafiuzamentos, desempregados e desempregadas  e traballadores do sector naval. A continuación, o Bloque volve xuntar os seus simpatizantes na carballeira de Santa Susana no tradicional xantar popular nunha xornada baixo o lema Galiza pola soberanía.

Anova e CxG celebran o Día da Patria con actos políticos en Mazarelos e Bonaval respectivamente

Pola súa banda, Anova-Irmandade Nacionalista celebrará o Día da Patria cun acto político na praza de Mazarelos a partir das 12.30 horas no que haberá música para que, a partir das 13 horas, comecen as primeiras intevencións políticas que rematarán co discurso do voceiro nacional da formación, Xosé Manuel Beiras. A partir das 14.30 horas, terá lugar un xantar popular en Belvís que finalizará coa celebración ás 17 horas dun aberto de billarda. 

En canto a Compromiso por Galicia, a formación galeguista desenvolverá as actividades do Día da Patria no parque de Belvis, onde tamén se celebrará un xantar de confraternidade e baixo o lema O futuro é compromiso. O acto central comezará ás 13 horas coa intervención do seu secretario xeral, Xoán Bascuas, que antes estará presente tamén na ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres ás 12 horas. En Belvis intervirán tamén María Xosé Afonso (concelleira en Muros), Xan Jardón (alcalde de Vilar de Santos) e Balbina Gándara (Secretaria Xeral da MNG).

Causa Galiza e Nós-UP manifestaranse desde a Alameda con media hora de diferenza

Ademais, Causa Galiza celebrará tamén a súa manifestación que sairá a partir das 12 da Alameda baixo o lema Com passo firme face a independência. Liberdade pres@s independentistas. Stop repressom. A formación independentista celebrará despois o seu acto político na praza de Mazarelos. Pola súa banda, Nós-Unidade Popular mobilizarase, neste caso a partir das 12.30 tamén desde a Alameda, baixo o lema Espanha e a Uniom Europeia som a nossa ruína. Independência. O seu acto político levarase a cabo desde as 13.30 no Toural para a continuación, desde as 15 horas, celebrar un xantar popular nos xardíns de San Roque, "malia os atrancos que pon o Concello de Compostela".

Espazo Ecosocialista convoca para o 25 de xullo, e a partir das 14.30 horas, un xantar de confraternización no Pazo de Meimixe (no lugar de Bran, perto de Sigueiro), mentres que a coalición Alternativa Galega de Esquerda (AGE) fará lectura do seu manifesto polo Día da Patria Galega diante da que foi a sede da editorial e imprenta Nós, na rúa do Vilar número 15 de Santiago de Compostela, este vindeiro mércores 24 de xullo ás 12.30 horas.

Por outra banda, Esquerda Unida celebrará un acto público o xoves 25 a partir das 12 do mediodía ante o antigo cárcere da Coruña baixo o lema Un pobo en rebeldía polos dereitos nacionais. O PSdeG, pola súa parte, levará a cabo a súa tradicional homenaxe a Castelao en Rianxo ese mesmo día.

 

Un intre do acto do BNG na Quintana CC-BY-NC-SA BNG
Beiras e membros mozos de Anova CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.