O BNG pide a dimisión de Feijoo e Rajoy

Rolda de prensa de Ana Pontón e Tereixa Paz © BNG

As deputadas do BNG, Ana Pontón e Tereixa Paz valoraron este martes a comisión de estudo contra a corrupción celebrada recentemente no Parlamento galego. Ana Pontón reiteroulle ao presidente da Xunta a petición de que ofreza explicacións públicas con respecto á “suposta financiación do PP” na que o PPdG "resulta ser un elemento central", ao figurar como doantes empresas que resultaron adxudicatarias de importantes contratos coa Xunta durante os gobernos do PP.

Ana Pontón reiteroulle ao presidente da Xunta a petición de que ofreza explicacións públicas con respecto á “suposta financiación do PP”

Pontón salientou que Feijoo “negouse sempre a dar explicacións sobre as súas relacións co narcotraficante Marcial Dorado e a presunta financiación ilegal do PP”, unha crítica que estendeu ao presidente do Goberno central, polo que a deputada pediu a “dimisión de Núñez Fejóo e Mariano Rajoy e a convocatoria de novas eleccións”. Para Pontón, os datos publicados por distintos medios de comunicación están a incrementar o “descrédito do Partido popular que desgraciadamente goberna na Xunta e no Estado”.

 

Unha Comisión de “perfil plano”

Pola súa parte, a deputada Tereixa Paz solicitou habilitar a comisión de estudo contra a corrupción no vindeiro período de sesións e denunciou que o plan de traballo da recen rematada comisión foi estruturado polo partido maioritario na Cámara galega para non abondar no fondo das derivacións políticas da corrupción en Galicia e evitar a asunción de “responsabilidades políticas por parte do Partido Popular”. "Para o BNG", afirmou, "a comisión non está rematada e á vista dos últimos datos que afectan ao PP e concretamente ao residente da Xunta  debe ser habilitada esta comisión para ampliar o calendario de traballo con novas comparecencias para dar resposta a financiación ilegal do PP e axuntar a documentación que permita  probar ese financiamento".

O BNG solicita a comparecencia en pleno do presidente da Xunta para explicar a relación das empresas que aparecen reflectidas nos “papeis de Bárcenas”

Paz lembrou que en dous meses de traballo da comisión as comparecencias “foron de perfil plano” e non tanto polas persoas, puntualizou, senón polo contido que lle deu o Partido popular. E cualificou de “resultado incompleto” e "inconexo coa realidade" que non comparecera “ningún responsable da Xunta, “nin o presidente nin aqueles que están presuntamente vinculados cos casos de corrupción nas distintas institucións". Sobre a documentación da Comisión de Estudo contra a corrupción, a nacionalista acusou o Partido Popular de remitir documentos sen contido e pertencentes a organismos internacionais e oficiais que calquera cidadán podería ter consultado na internet, e que no entanto, "foron negados outros documentos relacionados cos contratos de empresas que beneficiaron ao PP".

A deputada reiterou que o BNG solicita a comparecencia en pleno do presidente da Xunta para explicar a relación das empresas que aparecen reflectidas nos “papeis de Bárcenas” e tamén pola derivación da trama Gürtell co financiamento do Partido Popular.

Rolda de prensa de Ana Pontón e Tereixa Paz © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.