EU celebrará o 25 de xullo no cárcere da Coruña, "un espazo significativo para a esquerda do país"

Yolada Diaz e Rubén Pérez presentan os actos do 25 de xullo © Esquerda Unida

O antigo cárcere da Coruña é o lugar escollido por Esquerda Unida para realizar o seu acto central do Dia Nacional de Galicia. Ás 12 do mediodía do xoves 25 a formación levará a cabo un acto reivindicativo co lema Un pobo en rebeldía polos dereitos nacionais neste "espazo significativo para a esquerda do país". Rubén Pérez, secretario de organización de EU, destacou que neste lugar se "exerceu a represión" e que por el "pasaron todos as persoas represaliadas deste país entre eles, compañeiros como Seoane e Gayoso”.

Con este acto Esquerda Unida quere "reivindicar unha parte sustancial da súa historia como é o dereito de autodeterminación dos pobos recollido xa a principios de século polo Partido Comunista" e destaca que "celebraremos o 25 de xullo como data de vindicación da nosa aposta pola defensa dos dereitos nacionais e dentro destes o da defensa de EU por un estado federal, republicano e solidario".

Neste senso Yolanda Díaz, coordinadora de Esquerda Unida, manifesta que “vindicamos un pobo en rebeldía polos dereitos nacionais, ante o desmantelamento social e laboral e a vulneración de leis e dereitos conquistados, esto nos sitúa nun proceso destituínte. Apelamos á rebeldía da cidadanía para por en marcha un proceso constituínte que culmine nunha nova norma fundante que mude os dereitos sociais pero tamén, en termos horizontais, mude o modelo de estado”. E lembrou que "estamos a padecer un proceso de recentralización onde as nacionalidades históricas como Galicia, xa non temos un papel relevante no conxunto do estado". Tamén engadiu que "neste ano lembramos, no centenario do seu nacemento, a memoria de Santiago Álvarez fundador do Partido Comunista de Galicia, e na súa honra reivindiacamos tamén cuestión nacional onde o pobo é quen decide o seu destino".

Yolada Diaz e Rubén Pérez presentan os actos do 25 de xullo © Esquerda Unida
Antigo cárcere provincial da Coruña CC-BY-NC-ND Creative Chusky

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.