0 Gardados para despois

Suspendidos todos os actos do 25

Redacción | @prazapublica

Institucións e forzas politicas anunciaron de contado a suspensión de todos os actos e celebracións previstos para o 25 de xullo. O propio Concello suspendeu as festas de Santiago comezando polo espectáculo de luces da Catedral. E tanto o Concello coma a Xunta decretaron sete dias de loito oficial en Galicia e Compostela.

A Xunta celebrou unha reunión extraordinaria do seu Consello nas primeiras horas deste xoves. O Concello de Santiago celebra tamén un pleno extraordinario dende as 9.30. Alberto Núñez Feijoo leu unha declaración institucional na que subliñou a "consternación" dos galegos e declarose "orgulloso" do traballo do persoal público que está traballando e da solidariedade dos cidadáns: "é o día en que cidadáns anónimos se arroxaron, nos primeiros instantes, ás vías do tren para socorrer os feridos sen reparar en máis perigos que os que sufrían os seus próximos. O día en que voluntarios, chegados de diferentes lugares, se desprazaron ata Compostela para acompañar, atender e consolar ás familias. O día en que Galicia se puxo a disposición de Galicia". Na declaración institucional destacou que é "o Consello de Goberno máis duro que ten reunido nunca a Xunta de Galicia. Porque é ao día seguinte dunha traxedia como a sucedida onte e porque, ao mesmo tempo que comparezo ante vostedes, estase a levar a cabo o proceso de identificación das persoas que perderon a vida".

 

Os actos do 25, suspendidos

O BNG suspendeu tanto o Festigal coma a manifestación do Día da Patria, como sinal de condolencia polas vítimas do accidente. Francisco Jorquera e Rubén Cela desprazáronse ata o lugar do sinistro e o portavoz nacional, Xavier Vence, quixo "transmitir o todo o noso apoio e as nosas sentidas condolencias". O PSdeG tamén suspendeu todos os actos polo Día de Galicia. O secretario xeral do PSdeG, Manuel Pachi Vázquez trasladou a súa "tremenda conmoción" polo sucedido. E o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, expresou a súa "profunda dor" e o seu "apoio" ás familias das vítimas mortais e aos feridos no descarrilamento dun tren en Santiago.

Compromiso por Galicia cancelou igualmente o seu acto político previsto para o 25 e tamén a a ofrenda en Bonaval e manda "unha mensaxe ánimo". Esquerda Unida e Anova tamén suspenderon os seus actos previstos, na Coruña e en Compostela. Anova amosa "o seu pesar ás familias das vítimas" e EU o "respeto as vítimas, feridos e familias".

 

Outras reaccións

Nun comunicado, Mariano Rajoy expresou no seu nome e no do Goberno as súas “máis sentidas condolencias ás familias das persoas que perderon a súa vida”. Dende a Unión Europea, chegaron tamén mostras de solidariedade do Comisario de transportes, Siim Kallas, e do presidente do Parlamento Europeo, Martin Schulz. O Goberno portugués ofreceu a súa colaboración e apoio loxístico para axudar nas tarefas de asistencia e rescate das víctimas e afectados. O mesmo Papa Francisco, no momento de ser informado do accidente, mostrou a súa "tristeza", segundo informou o portavoz do Vaticano, Federico Lombardi. Tamén chegaron mostras de apoio dende México: “O Goberno de México expresa as súas condolencias ao pobo de España polo tráxico accidente ocurrido en Galicia”

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.