A traxedia en Galicia enche portadas de todo o mundo

Algunha das portadas da prensa internacional sobre o accidente Dominio Público Praza Pública

Todas as portadas do Estado volveron dedicar o seu espazo este venres ao tráxico accidente ferroviario en Angrois, Compostela. Un día despois do sinistro, os diarios céntranse xa na dor dos familiares e achegados, pero tamén nas posibles causas do accidente ou na conversa do maquinista pouco despois do descarrilamento na que recoñecería circular a uns 190 quilómetros por hora pola fatídica curva.

A portada de 'El Periódico' e ao do 'ABC' foron as de maior repercusión, aínda que por motivos ben diferentes

Se unha portada destacou sobre outras sobre o resto, cando menos pola súa repercusión nas redes sociais, foi a de El Periódico de Catalunya, que tanto na súa versión en castelán como na catalá empregou un titular en galego -"Galiza chora"- e as bágoas dunha rapaza para ilustrar a dor do pobo galego ante a catástrofe sobre un fondo negro. Tamén foi protagonista na Rede a primeira páxina elixida polo ABC, pero non pola súa fotografía, que tamén se centra nos choros dun afectado, senón polo titular, no que se destaca que "o maquinista alardeaba do seu gusto pola velocidade" e facía referencia a unha conversa no Facebook e hai máis dun ano. Recibiu unha morea de críticas.

El País, El Mundo ou La Vanguardia optan, no entanto, por centrarse no feito de que o tren circulase pola curva de Androis a uns 190 quilómetros por hora, xa sexa recuperando a conversa do maquinista ou destacando esa circunstancia. Algo semellante ocorre na prensa portuguesa. Diário de Notícias titula cun rotundo "Vou a 190 km/h" e ilustra a información coa xa famosa fotografía dun bombeiro levando unha cativa ao colo. Público destaca que "falha humana é a causa máis provável do acidente".

Todos os principais diarios británicos levan o accidente á súa portada

Na prensa do país veciño, pero tamén na da maioría dos países europeos, o tráxico accidente foi unha das noticias máis destacadas da portada. No Reino Unido, The Times, The Guardian, The Daily Telegraph, The Independent e o London Evening Standard levan á primeira páxina fotografías da catástrofe e céntranse no "misterio" da elevada velocidade que levaba o ferrocarril. En Francia, pola súa banda, os principais diarios tamén se centran no sinistro e Libération titula cun contundente "Tren do inferno". Moitos outros diarios europeos dedican a súa portada ao tren accidentado, ao igual que algún xornal latinoamericano. Neste último caso, os diarios céntranse nas consecuencias  humanas da catástrofe. 

Portada de El Periódico de Catalunya Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.