Goberno, Renfe e Adif centran no maquinista a responsabilidade do accidente

Rajoy e Feijóo, no lugar do accidente © Goberno de España

O maquinista do tren accidentado, Francisco José Garzón Amo, é o home sinalado por case todos. Fomento e Adif viraron a súa postura respecto ás explicacións do sinistro e, malia que aínda se investigan as causas, membros do Ministerio e do organismo encargado do mantemento das vías falan xa dun erro humano de Garzón ao conduir o tren a 190 quilómetros por hora cando debía viaxar a 80. O feito de que a Policía o detivese acusado dun delito de imprudencia aumenta os dedos que apuntan un home que segue ingresado no Hospital Clínico de Compostela. Tamén o ministro de Interior, Jorge Fernández Díaz, centra as miradas neste maquinista, tras declarar este sábado que "hai indicios razonables de que pode ter responsabilidade no sucedido".

Goberno, Renfe e Adif rebaixaron algo a cautela inicial e xa falan dun erro humano como causa do sinistro

"A investigación que está aberta será a que determine [a responsabilidade]", engadiu o responsable de Interior, que este sábado acudiu xunto a ministra de Fomento, Ana Pastor, ao lugar do accidente e onde agradeceu a "solidariedade exemplar de Galicia".

O xuíz Luis Aláez ordenou que se lle tomase declaración no mesmo centro hospitalario, algo que levou a cabo a Policía, que non conseguiu resposta ningunha. Tal e como era previsto, Garzón acolleuse ao seu dereito a non declarar, presuntamente polo consello dos seus avogados, e non revelará os detalles do sinistro até que sexa reclamado polo maxistrado. A conversa telefónica na que recoñecía a elevada velocidade é clave, pero aínda máis o será a caixa negra do Alvia descarrilado.

Só o responsable de Adif falou con algo de claridade, á axencia EFE, asegurando que o maquinista tería que ter freado catro quilómetros antes e logo de insistir en que era "función" del "controlar a velocidade" porque, senón, "sería un pasaxeiro". O máximo responsable de Renfe lembrou que o maquinista coñecía perfectamente o percorrido e sabía que non podía superar os 80 quilómetros por hora na fatídica curva da Grandeira.

“Os sistemas de seguridade en Europa e España están axeitados en cada momento aos tipos de trens e á velocidade permitida, e hai uns protocolos que definen os técnicos. E a esa definicion e eses protocolos son aos que se teñen que ater as persoas que teñen responsabilidade de estar á fronte dun tren", engadiu a ministra de Fomento, Ana Pastor, con moita menos contundencia.

Pero ninguén dá aclarado o motivo exacto do feito de que o sistema máis avanzado de freado non estivese instalado na zona de sinistro. Porque crece a polémica sobre a razón de que os últimos quilómetros deste percorrido non contasen co sistema ERTMS, que impide que un tren supere a velocidade máxima establecida, e que se comezou a implantar nas liñas de alta velocidade hai uns anos. Adif asegura que o sistema existente na zona -o ASFA- é suficiente, cun tráfico a velocidade normal, para xestionar a circulación, pois éntrase nunha zona urbana e coa estación a poucos quilómetros.

Algúns maquinistas critican o trazado de entrada en Compostela por haber "un cambio moi brusco de velocidade"

Os sindicatos saíron na defensa do maquinista ou, cando menos, achegaron argumentos que diminuirían a súa responsabilidades. Ademais, un grupo de maquinistas criticou o trazado da vía férrea nos seus accesos a Compostela por haber "un cambio moi brusco de velocidade, de 200 quilómetros por hora a 80, 120 de diferenza en moi poco tempo".

Segundo as últimas informacións do TSXG, o paso a disposición xudicial do maquinista non está previsto para este sábado, aínda que si para o domingo. Se é posible, farao no xulgado.

Autoridades no lugar do accidente © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.