O xuíz ve "insuficiente" a seguridade do treito no que descarrilou o Alvia

Trens de ADIF no viaduto do Ulla CC-BY-NC-ND Ministerio de Fomento

O xuíz que investiga o accidente de tren de Santiago no que morreron 79 persoas chamou a declarar en calidade de imputados aos encargados da seguridade do tramo da liña onde descarrilou o Alvia. Nun auto feito público hoxe, o maxistrado Luis Aláez considera que as medidas de seguridade establecidas para o convoi accidentado eran claramente "insuficientes" para "evitar o risco de descarrilamento derivado da configuración da vía".

Aláez sostén a responsabilidade indiciaria do maquinista xa que este "dispuña da información documentada precisa para prestar ese servizo o referido día". Ademais repasa os sistemas de seguridade que levaba o tren, o ASFA e o de "home morto".

O xuíz cita como imputadas as persoas encargadas da seguridade do treito Ourense-Santiago

Con todo, engade, "un exame máis detido das circunstancias coñecidas en que se produce o sinistro permite inferir tamén a súa conexión coa omisión de medidas de seguridade preventivas de natureza viaria e (...) cunha conduta imprudente das persoas responsables de garantir unha circulación segura no tramo da vía onde se produciu a catástrofe".

O xuíz lembra no seu escrito que o Alvia accidentado contaba con dous sistemas de seguridade que non permitían o freado automático do convoi cando este circula a menos de 200 quilómetros por hora polo que se debían adoptar ortos procedementos que salvasen ou evitasen o resultado daquela predicible equivocación". "A instalación dun sinal fixo de cambio de velocidade máxima a 80 km/h entre 200 e 300 metros do inicio da curva móstrase insuficiente para evitar os resultados de morte ou lesións", continúa o maxistrado.

"O sinal está tan próximo á citada curva que fai imposible ou moi remotamente posible a corrección manual da inadecuiada marcha para sortear o risco", sinala.

"Pode concluírse que existiu unha omisión de cautelas elementais por quen teñen a misión de garantir a seguridade da circulación"

Por tanto, "pode concluírse co carácter provisorio propio desta fase procesal, que existiu unha omisión de cautelas elementais por quen teñen a misión de garantir a seguridade da circulación ferroviaria constitutiva dunha imprudencia punible" determina Aláez.

O maxistrado esixe tanto a Adif como a Renfe que remita ao seu xulgado a documentación técnica "con arranxo á cal se establecen as velocidades" en cada tramo, os "protocolos ou documentos onde se recollen os procesos relacionados coa seguridade" e un informe "sobre auditorías internas" que se puideron realizar. Ademais, esixe que ambos os organismos, dependentes do Ministerio de Fomento, informen de quen son os "responsables en materia de seguridade na circulación" dos trens.

Aláez pide así mesmo que Fomento informe sobre se existía "algunha incidencia no tramo da vía que une as estacións de Ourense e Santiago entre o punto quilométrico onde se produciu o accidente e os 10 quilómetros anteriores" e ao presidente do Congreso que lle remita as actas do diario de sesións das comparecencias parlamentarias da ministra, Ana Pastor, e dos os presidentes de Adif e Renfe.

Trens de ADIF no viaduto do Ulla CC-BY-NC-ND Ministerio de Fomento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.