Besteiro non enviará observadores ás primarias do PSdeG: "Confío nas agrupacións locais"

Besteiro, nun encontro coa militancia CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo

Nas mesas electorais nas que a militancia do PSdeG designará o seu vindeiro secretario xeral non haberá observadores ou interventoras da candidatura de José Ramón Gómez Besteiro. Aínda que as normas que rexen as primarias consultivas contemplan esta figura, o tamén líder dos socialistas lucenses anunciaba este mércores a súa intención de renunciar a ela. "Confío totalmente nas agrupacións locais deste paritdo e por iso, como confío nelas e sei o responsables que son -di-, non vou nomear ningún tipo de observador ou interventor".

Besteiro coida que a militancia ten o "dereito" a participar, pero tamén o "deber" de facelo

Cando restan pouco máis de dúas semanas para a celebración da consulta Besteiro coida que o que cómpre é centrar a atención en chamar á participación. "Quero aproveitar para facer un chamamento á participación", sinala o presidente da Deputación de Lugo, para quen a militancia "ten dereito a participar no proceso" pero tamén "o deber de participar no futuro deste partido". Dende a "confianza nas agrupacións e nos militantes", explica, "espero que o 7 de setembro sexa un día moi bo para este partido, onde haxa moita participación e onde o militante sexa quen colla a voz e quen decida quen é o próximo secretario xeral do PSdeG".

Manel Vázquez aposta pola participación directa

Neste contexto tamén o outro candidato ás primarias, Manel Vázquez, continúa a expoñer as súas propostas. O tamén alcalde da Illa de Arousa, cuxa candidatura o presenta como "próximo líder dos socialistas galegos", asegura que "non hai que lle ter medo á xente" e por iso, di, se chega á secretaría xeral promoverá a creación dun "banco de ideas" en internet, a traveś do cal "toda a cidadanía poida realizar as súas achegas sobre a maneira e as materias que deben ser obxecto desa decisión compartida entre gobernos e cidadanía". "Non fai falta facer grandes exercicios de memoria -afirma- para lembrar decisións gobernamentais absolutamente impopulares e que foron erros clamorosos".

Vázquez preséntase como "próximo líder dos socialistas galegos"

Así as cousas, Vázquez asegura que este principio de participación directa debe ser aplicado "primeiro, no partido", "tal e como teñen solicitado en numerosas ocasións moitas compañeiras e compañeiros duarnte estas semanas que levo percorrendo as pequenas agrupacións por toda Galicia". Incluír estas propostas no funcionamento cotián do PSdeG e do PSOE "é o único camiño posible para recuperar o contacto coa xente" e así "poñerlle fin á sangría de votos que levamos sufrindo dende hai anos", conclúe.

Besteiro, nun encontro coa militancia CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.