CxG leva a Feijóo á Fiscalía polo financiamento do PP

Bascuas e López, ante o TSXG CC-BY-SA CxG

Compromiso por Galicia concretou este venres o seu anuncio de instar a Fiscalía Superior de Galicia a investigar as contas do PPdeG. A través do seu secretario xeral, Xoán Bascuas, e dun dos membros da súa Executiva Nacional, Paulo Carlos López, CxG presentou ante o TSXG un escrito para instar o departamento que encabeza Carlos Varela a indagar nos números dos conservadores e, nomeadamente, "investigar o seu presidente e o seu secretario xeral", isto é, a Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda, por "suposto financiamento irregular".

No documento achegado ao alto tribunal galego Compromiso achega varias informacións xornalistas e referencias a "fontes xudiciais" para reclamar a "apertura de dilixencias de investigación e pescuda que cumpran en dereito" para así "determinar se existiu feito puníbel" nas condutas de Feijóo e Rueda. Tendo en conta o ordenamento legal vixente, tería que ser o Tribunal Superior o que investigase o presidente e o vicepresidente da Xunta, dado que ambos ostentan condición de aforados.

Bascuas subliña que cando o PP xustificou os gastos da campaña de 2005 Feijóo xa era presidente do partido

A xuízo do líder da formación galeguista as "revelacións" do ex tesoureiro do PP, Luis Bárcenas, deixan clara a existencia "dunha carpeta con documentación específica sobre as doazóns opcas ao PP de Galicia procedentes de empresas adxudicatarias de contratos públicos" da Xunta por importe "de case dous millóns de euros". Isto, di, motiva "sobradamente" que a Fiscalía "abra unha investigación". Neste contexto, di Bascuas, non é posible eludir a "responsabilidade" de Feijóo, toda vez que accedeu "á dirección do PP galego en xaneiro de 2006, data na que o xerente dos conservadores, Modesto Fernández, remitiu un infrome para xustificar os elevados gastos da campaña electoral de 2005".

Bascuas e López, ante o TSXG CC-BY-SA CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.