Besteiro reivindica a igualdade de oportunidades no rural e na cidade

Besteiro visitou unha explotación gandeira en Castro de Rei Dominio Público Praza Pública

Na primeira xornada da campaña das primarias do PSdeG, o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, está a realizar un total de sete encontros con militantes socialistas en distintos puntos da provincia. Besteiro fixo fincapé na reivindicación da igualdade de oportunidades no rural e na cidade, cun "acceso real" á sanidade, educación, servizos sociais, transporte, infraestruturas e novas tecnoloxías, e pedindo que “as dúas Galicias volvan ser unha”.

O candidato salientou que para que "o campo prospere", necesítanse igualmente "o peche de ciclos produtivos, o impulso á innovación, á produción ecolóxica e ó cooperativismo, e a diversificación da actividade". “Desde que goberna a dereita de Feijóo, o agro galego perdeu máis de 10.000 empregos e, e de seguir así, en menos de 15 anos non quedará ninguén traballando no campo en Galicia. Este Goberno non ten proxecto de país, nin cre realmente nas posibilidades da nosa terra”, afirma Gómez Besteiro. “O campo é unha saída laboral para os mozos que xera riqueza e combate o despoboamento”, engadiu, subliñando o gran peso no interior de Galicia: “Os 50.000 empregos directos que dependen do campo nas provincias de Lugo e Ourense son tantos como 7 Citröen de Vigo ou 7 Inditex da Coruña. Esa é a súa forza”.

Pola súa banda, Manel Vázquez celebrará esta tarde en Compostela o seu primeiro acto de campaña, no que presentará o seu programa e propostas para a participación directa dos cidadáns na acción de Goberno, para a supresión das provincias e para a elección directa do modelo de Xefatura do Estado. O candidato Manel asegura ser consciente da "frialdade" da militancia, "en parte pola tempada estival", pero fai "un chamamento a participación por ser a primeira consulta que se lles fai aos militantes do partido socialista". Este xoves desprazarase á Camariñas, onde pola noite celebrará un acto na Casa do Pobo da localidade, dirixido aos militantes do PSdeG deste concello e mais de Carnota, Cee, Corcubión, Dumbria, Fistera, Muxía, Vimianzo e Zas.

Besteiro visitou unha explotación gandeira en Castro de Rei Dominio Público Praza Pública
Manel Vázquez, nun acto coa militancia © Candidatomanel.com
Acto de Manel Vázquez © http://candidatomanel.com/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.