O PSdeG elixe líder para pilotar "o inicio da renovación"

Dirixentes socialistas, no plenario dun Congreso CC-BY-SA PSdeG

O PSdeG elixe este sábado o líder que guiará o seu camiño e o seu pretendido reforzamento durante os vindeiros anos. Máis de 11.300 militantes da formación e das súas xuventudes (XSG) están chamados a participar nunha consulta á militancia, que votará nas súas respectivas agrupacións locais entre o actual presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o alcalde da Illa, Manel Vázquez. Tamén escollerán os e as delegadas que participarán no Congreso do partido o 29 de setembro e que, segundo o anunciado, referendarán a decisión que adopten as bases. Un proceso que pretende espallarse tamén a nivel estatal no PSOE.

Unhas primarias sen nome oficial de primarias para unha formación que busca volver ser alternativa, lastrado polos malos resultados nos comicios autonómicos, a perda de confianza na sociedade, o irromper da esquerda á súa esquerda e a caída de apoios dun PSOE en pleno deserto. Unha elección aberta á militancia para "recuperar a confianza" ou "iniciar a renovación" dun proxecto socialista de esquerdas, tal e como defenden os dous candidatos.

Máis de 11.300 militantes do PSdeG elixirán o que será o seu vindeiro secretario xeral

A provincia da Coruña é a que máis militantes achega ao censo de votantes con case 4.000, seguido da de Pontevedra, con case 3.500, Lugo, cuns 2.500, e Ourense, cuns 1.500. Así, haberá 83 meses nas diferentes agrupacións da Coruña, 65 na de Lugo, 64 na de Ourense e 58 en Pontevedra, até xuntar as 270 das que sairá o vindeiro líder do PSdeG.  Tal e como aclara o partido, o número de mesas non coincide plenamente co de sedes socialistas.

A mesa con maior censo con dereito a voto nesta consulta é a de Vigo, con 1.118 militantes. Síguelle a cidade da Coruña, con 562, Ourense, con 510 e Lugo con 437. Santiago e Pontevedra están nos 300 e Ferrol supera os 250. A candidatura de Manel Vázquez mobilizará 22 observadores e catro interventores nas catro provincias, dereito ao que renunciou a candidatura de José Ramón Gómez Besteiro, que se presenta como o gran favorito, máis aínda tras unha recollida de avais onde o actual presidente da Deputación de Lugo superou por moito os obtidos polo rexedor da Illa de Arousa.

Case 6.500 militantes participaron xa no proceso para avalar a Besteiro ou a Manel Vázquez

Polo momento, foron case 6.500 os militantes que participaron no proceso, ben para avalar o líder lucense (unhas 5.200 persoas), ben o alcalde da Illa (1.300). Xa que logo, case o 67% da afiliación do PSdeG implicouse nesta primeira fase das primarias. No entanto, hai certo temor a que esta participación non se corresponda coa que este sábado debería darse nas distintas agrupacións, polo que foron xa varios os líderes que chamaron os militantes a mobilizarse.

A Comisión Electoral do PSdeG velará pola transparencia e as garantías democráticas dun proceso que rematarás ás 20 horas, cando se pechen as urnas e comecen a recibirse na sede do PSdeG, na rúa do Pino de Compostela, os datos do escrutinio en cada unha das mesas e que serán comunicados publicamente. Os dous candidatos uniranse ao seguimento que o actual secretario xeral, Pachi Vázquez, e a Comisión Electoral farán desde a sede do partido. Logo de coñecerse os resultados, os dous farán cadansúau valoración.

O novo secretario xeral será proclamado no Congreso Nacional do vindeiro 29 de setembro

Tal e como aclara o partido, as asembleas coas que se abre a votación o sábado nas agrupacións municipais socialistas recollen tamén na orde do día a elección dos delegados ao Congreso Nacional do PSdeG, a celebrar o vindeiro 29 de setembro e no que será proclamado secretario xeral o candidato que acade o mellor resultado na consulta deste sábado.

José Ramón Gómez Besteiro votará na mesa do Edificio de Sindicatos, na ronda da Muralla de Lugo, mentres que Manel Vázquez  farao na mesa da Agrupación Municipal da Illa, na avenida de Castelao 52. O actual secretario xeral, Pachi Vázquez, depositará a súa papeleta na mesa da agrupación socialista do Carballiño.

Gómez Besteiro e Manel Vázquez © UUAA/MV

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.