O xuíz imputa cinco cargos de Adif polo accidente de Angrois

Restos do tren accidentado CC-BY contandoestrelas

O xuíz Luis Aláez, que instrúe a causa sobre o accidente ferroviario de Angrois no que faleceron 79 persoas o pasado 24 de xullo, vén de chamar a declarar en calidade de imputados a cinco responsables do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), á que reclama tamen que facilite as identidades das persoas que ocuparon eses cargos desde a posta en servizo da liña ferroviaria para proceder tamén á súa imputación.

O xuíz imputará todos os responsábeis de Adif desde que se abriu o tramo

A causa dá un xiro con este auto, notificado este mesmo martes, no que o xuíz aclara que, á vista do organigrama remitido por Adif, "poden considerarse potenciais autores do delito imprudente de resultados mortais e lesivos" o director de Seguridade na Circulación, Manuel B.G; e o xerente da área de Seguridade na Circulación Noroeste, Fernando R.S., aos que cita para o 18 de setembro ás 10 e ás 12.30 horas  respectivamente.

Ao tempo, tamén chama en calidade de imputados o xefe de Inspección da Xerencia de Área de Seguridade na Circulación-Noroeste, José Antonio G.D., e os inspectores da devandita xefatura Carlos A.G. e Roberto S.A., aos que cita para o día seguinte, o 19 de setembro, ás 9.30, ás 11.30 e ás 13.00 horas respectivamente.

No entanto, Aláez tamén quere tomar outros testemuños en calidade de imputados. Así, solicita a Adif que facilite a identidade de todas as persoas que foron presidentes e vogais do Consello de Administración desta entidade e que desempeñasen os cargos de director de Seguridade na Circulación, xerente da área de Seguridade na Circulación Noroeste, xefe de Inspección da Xerencia de Área de Seguridade na Circulación-Noroeste e inspectores da devandita xefatura desde o día da entrada en servizo do tramo da liña ferroviaria en que se produciu o accidente o 24 de xullo de 2013 até esta data.

Adif xa aclara que analiza no seu servizo xurídico o auto do xuíz, ao que di que facilitará toda a información que solicita.

imaxe do tren accidentado, publicada en twitter minutos despois do sinistro Dominio Público @felipe_adrian17

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.